Contracultura

Caamaño&Ameixeiras: "'Quitar o aire' soa máis poderoso que o primeiro disco e é resultado da investigación musical"

Sabela Caamaño, no acordeón cromático, e Antía Ameixeiras, no violín e voz, veñen de publicar 'Quitar o aire', o seu segundo disco como dúo, que indaga arredor do mundo ritual galego explotando todos os recursos musicais ao seu dispor. Este disco foi presentado antonte na Sala Capitol de Santiago de Compostela.
Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras traballan como dúo desde 2018. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras traballan como dúo desde 2018. (Foto: Nós Diario)

Quitar o aire explora os ritos populares da Galiza. Como xurdiu esta idea?
Antía Ameixeiras: Comezou precisamente coa idea de quitar o aire porque era algo que nas familias de ambas estaba moi presente e un día que estabamos falando deste concepto decidimos buscar máis información. Acabamos dando con Rafael Quintía, que nos falou de máis cousas relacionadas con estes ritos.

Sabela Caamaño: Aí vimos que só o concepto de quitar o aire quedábase moi curto. Queríamos falar de todo o que aprendéramos porque nos pareceu un universo 
moi inspirador.

—Tamén se percibe un cambio no son e no ambiente que crean con respecto ao primeiro disco.
S.C.: Si, quizais nesta ocasión é algo máis visceral. Practicamente todos os temas son a dúo porque case non hai colaboracións. Queríamos que fora minimalista en canto a instrumentación, pero maximalista en tanto explotamos todos os recursos á nosa disposición buscando novas sonoridades dentro dos mesmos instrumentos, novos efectos... Queríamos darlle esa volta. Tampouco queríamos saír do acústico e creo que nese sentido si que conseguimos o obxectivo. 
A.A.: Cando tratas un tema como é a ritoloxía popular galega inevitabelmente vai saír un disco un pouco máis escuro. Poderíamos dicir que estamos máis núas, máis nós, porque buscabamos esa sensación de intimidade. Alén de nós as dúas tamén está a figura de Hevi, que é a terceira pata deste disco como produtor e o disco ten moito del. 
S.C.: O primeiro disco tamén era un conxunto de cancións que non respondían a un concepto común, que simplemente eran importantes para nós ou significativas a nivel emocional. Neste caso hai un concepto moi claro e intenso, polo que iso tamén se acaba reflectindo na música. 
A.A.: Ese primeiro traballo era máis como unha festa conxunta con amizades, queríamos ir ao grande en canto a sonoridade. Nesta ocasión buscabamos espremer ao máximo os recursos limitados cos que queriamos contar. 
S.C.: Como resumo, este disco soa máis poderoso con menos recursos, que é o resultado da investigación musical que fixemos. 

—"Ai de min" e "A pequena morte" foron os primeiros temas en saír, antes de que se publicara o disco completo. Por que estes en concreto entre os nove que conforman o traballo?
A.A.: Son temas que reflicten os elementos comúns no disco e que, por outra parte, son temas antagonistas en canto a emoción. "A pequena morte" é moito máis exuberante, moito máis grande. "Ai de min" é todo o contrario, busca a intimidade. Reflicten moi ben os dous polos que se ven no disco. A nivel conceptual tamén nos parecía importante falar dos dous temas que están moi presentes nos ritos e que son a base das preocupacións universais dos seres humanos: o amor, o sexo e a morte. Tamén percibimos que a xente cada vez está máis interesada por todo este mundo. Parece que na xeración dos nosos pais houbo unha ruptura con todo o mundo tradicional e agora creo que está renacendo un interese por todas estas cuestións.

S.C.: Na xeración anterior chegou a considerarse esta tradición como algo de xente ignorante. Impúxose a razón e a ciencia, desvalorizando todo este patrimonio cultural. A nosa xeración, desde outra mirada, porque non é vivencial, senón máis unha observación externa, valora a riqueza cultural que é. Sen entrar a valorar se cres ou non cres en determinadas cousas, mais sabendo que forma parte do noso patrimonio. 

—Isto é algo que tamén se percibe no auxe da música tradicional.
S.C.: Totalmente. Para nós esta cuestión está completamente ligada ao rexurdimento da música e do baile entre a xente nova, a nova posta en valor de todo este patrimonio e o que queda dos nosos maiores.

Comentarios