Contracultura

Cristina Gayoso: "É interesante que a escena de Portugal beba das vangardas de diferentes partes de Europa"

Cristina Gayoso (Santiago, 1998) é unha das actrices protagonistas da obra 'Definitivamente as Bahamas', levada á escena pola compañía Teatro do Eléctrico en Portugal para cuestionar as relacións de poder que se dan a distintos niveis na sociedade actual.
A actriz Cristina Gayoso (Foto: Nós Diario).
photo_camera A actriz Cristina Gayoso. (Foto: Nós Diario).

—Como chegou a encarnar a personaxe de Sabela en Definitivamente as Bahamas?
Eu fun de Erasmus a Lisboa e alí acabei envolta en diferentes procesos de creación grazas aos cales coñecín a Ricardo Neves-Neves, director artístico do Teatro do Eléctrico (Loulé, O Algarve). Está sendo unha experiencia incríbel, tamén porque é a primeira totalmente profesional para min. Xa teño estreado algunha obra como o meu traballo final de máster, mais este é o primeiro proxecto profesional no que estou. Ademais, poder aprender de persoas como Ricardo ou Custódia Gallego e Marques d’Arede, os protagonistas da obra, é un luxo. 

En xeral, creo que o equipo humano que está na obra é incríbel e teñen moitos anos de experiencia no teatro, polo que para min é unha aprendizaxe constante. Agora sinto que coñezo máis a escena portuguesa que a galega ou a española. Unha cousa que noto é que a presenza da performance é moito máis forte en Portugal. 

Hai un fenómeno moi interesante que non se dá no Estado español, onde quizais a historia e a tradición teatral é tan forte e estabelecida que nos mantén nestas formas. Evidentemente hai moitas compañías que buscan novas formas de facer e experimentar, mais en Portugal bébese das vangardas de diferentes partes de Europa de forma que non casan con nada. Están todo o tempo investigando. E tamén outra cousa que admiro moito deste teatro é a forma que teñen de facer unha crítica social tinguida dun humor e un dinamismo que a fai moito máis aguda. 

—Esta forma de facer crítica social é precisamente a que se dá nesta obra en concreto. 
A obra xira arredor dun matrimonio que invita o público ao salón da súa casa e a unha conversa que pode parecer superficial, mais que está moi ligada á moral, á ética e á ideoloxía. Ademais, está Sabela, unha alumna galega de Erasmus que acaba na casa de casualidade e se ve somerxida neste escenario e relación. Para min, o tema principal son as relacións de poder, que se van extrapolando a cuestións como a migración, a xenofobia, o clasismo...

Ademais, para min é moi interesante o feito de que esta obra fora escrita polo dramaturgo inglés Martin Crimp en 1986 e que aínda así siga sendo tan actual. Neste sentido si que tomamos algunhas decisións de dramaturxia para poder trasladar a historia a Portugal: non é só unha cuestión de mudar os nomes, senón que tamén houbo que engadir referencias culturais e arredor das colonias. 

—Cre que se dá esta reflexión por parte do público?
É unha obra coa que sinto que calquera persoa se pode sentir identificada. Falamos moito da diferenza xeracional: a pouca tolerancia ou o medo ao outro está soamente nas franxas de idade superiores? Ou realmente se traslada a todas as xeracións? Creo que a resposta é obvia, e precisamente por iso hai un momento da obra que é o meu favorito, porque fai que te preguntes por que levas rindo unha hora, que é iso que fai tanta graza. É aí onde dá a volta toda a peza e deixa o público rumiando. 

Ao final para min o problema non é tanto que as novas xeracións estean herdando condutas pasadas, senón que se están volvendo xestar. Por iso me parece que esta peza é tan interesante e necesaria: é unha forma de facer unha revisión, que vas facer agora con toda a información que tes?

Comentarios