A arquitectura indiana, un patrimonio a protexer: que a caracteriza?

A institución publica un 'Informe sobre a arquitectura indiana en Galicia: propostas para a súa definición e protección patrimonial' para reforzar a súa protección xurídica.
Casa indiana en Ribadeo. (Foto: Turismo de Ribadeo)
photo_camera Presentacuión do informe do CCG, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou esta segunda feira en rolda de prensa o Informe sobre a arquitectura indiana en Galicia: propostas para a súa definición e protección patrimonial. Nel analízanse as manifestacións arquitectónicas do fenómeno indiano na Galiza e fíxanse unhas características comúns que permitan identificalas, catalogalas e reforzar a súa protección xurídica. 

Durante a presentación, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, subliñou que "levabamos moito tempo coa idea de expandir a atención ao legado da emigración que presta o CCG a toda a arquitectura indiana e definir os seus límites para saber que alcance pode ter a protección que se debe exercer sobre ela". Xunto a Álvarez, interviron Xosé M. Núñez Seixas, vicepresidente do CCG e coordinador da comisión técnica temporal encargada de executar o estudo, e mais dúas integrantes da citada comisión: Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, e María Isabel Novo, letrada da Xunta de Galiza.

Presentacuión do 'Informe', esta segunda feira, 22 de xaneiro.
Presentacuión do informe do CCG, esta segunda feira.

O legado arquitectónico dos emigrantes presenta unhas características propias, froito da hibridación de ideas e estilos e da mestura entre tradición e modernidade. É, así mesmo, un patrimonio "que induciu mudanzas importantes na paisaxe, na vida cotiá e nas mentalidades e evolución sociopolítica de moitas das aldeas, vilas e cidades de orixe", subliña o informe. 

Analizar as manifestacións inmóbeis legadas pola emigración de retorno desde América e estabelecer uns criterios tipolóxicos que permitan reforzar a súa protección xurídica é o obxectivo principal do Informe. O documento elaborouse ao abeiro dun convenio de colaboración entre o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación de Letrados da Xunta de Galiza.  

Elementos recoñecíbeis do patrimonio indiano

A Lei do patrimonio cultural da Galiza inclúe unha referencia expresa á arquitectura indiana. Menciona que “os edificios relevantes de arquitectura de indianos que conteñan principios recoñecíbeis do seu estilo arquitectónico” serán obxecto de protección, pero “non especifica cales son para o caso desta arquitectura”, subliña o informe. Dada esa carencia, a comisión técnica decidiu “estabelecer os criterios para definir esta arquitectura, o seu ámbito xeográfico de desenvolvemento e a súa cronoloxía; é dicir, poder tipoloxizala para a protexer”.

Malia tratarse dun concepto que tende a “ser moi líquido”, tal e como se indica no propio estudo, proponse limitar a definición de arquitectura indiana galega a “aquela promovida por migrantes retornados das Américas, cun estilo orgánico que xorde da hibridación entre a arquitectura de orixe (Galiza) e a de destino (América), e que se fai en territorio galego”. A partir desa definición, o informe estabelece unhas características comúns identificadas naqueles inmóbeis que son representativos da arquitectura indiana na Galiza e que, inclúen, por exemplo, principios como a hibridación da pedra con azulexos, mosaicos ou pintura; a incorporación de elementos de saneamento e hixiene, ou o emprego dunha vexetación propia do lugar ao que se emigrara.

“Feita esa determinación e identificación, os correspondentes inmóbeis poderán ser declarados de interese cultural ou incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural da Galiza (como bens catalogados)”, apunta o informe, un labor no que tanto as Administracións autonómicas como os concellos teñen un papel chave. Así mesmo, o estudo insta a protexer non só as manifestacións da arquitectura indiana como patrimonio inmóbel, senón tamén como patrimonio etnolóxico, xa que reflicte “a identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia”.

Xunto coa Lei do patrimonio cultural de Galiza, o documento elaborado pola comisión técnica inclúe unha análise xeral das principais normas estatais de aplicación en materia de cultura, así como unha revisión da literatura historiográfica que dá conta dos variados exemplos tipolóxicos de arquitectura indiana que se conservan na Galiza occidental. No final do documento, inclúense unhas conclusións xerais, nas que se resalta que “a importancia do fenómeno indiano na Galiza podería levar ao impulso de liñas de actuación ou estratexias xunto con outros territorios peninsulares (desde o norte de Portugal até o País Vasco) que compartan este fenómeno, con vistas a unha posíbel protección de maior alcance que o estritamente autonómico”.

Comentarios