O patrimonio cultural galego, o grande ausente nos museos da Galiza

Innumerábeis pezas do país atópanse expostas en museos foráneos.
'A Santa', facsímil da Biblia hebrea, facsímil do Códice de Tudela, diadema céltico de Ribadeo, Abraham e Mateo, torques no British Museum. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera 'A Santa', facsímil da Biblia hebrea, facsímil do Códice de Tudela, diadema céltico de Ribadeo, Abraham e Mateo, torques no British Museum. (Fotos: Nós Diario)

O que non se ve, palpa, escoita, cheira, proba... non existe. A súa ausencia. Este é o gran problema da meirande parte do patrimonio galego, segundo afirma a Nós Diario o historiador de cultura Felipe-Senén López. E é que existe unha cantidade non pequena de elementos patrimoniais procedentes da Galiza que foi vendido a partir "de fórmulas moi curiosas", mentres outro permanece oculto en caixas fortes "para egos de clausuras, sancristías, cuarteis, despachos, vitrinas de salóns".

"Este é un país de tesouros roubados, vendidos ou acochados en adegas de castros, torres, pazos, no fondo do mar... no exilio, nos centros galegos da emigración", explica López. O certo é que no imaxinario galego existen infindas referencias a tesouros, ficticios ou non, como pode ser o ouro dos galaicos, ou os obxectos de ouro que nos contan que amoreaba Xelmírez, ofrecidos polos seus paisanos. "Cunqueiro, Rowling, Tolkien ou Michael Ende inspiráronse nunha realidade que supera a toda a fantasía e, aquí, haber haina e, de cando en vez, pétase con ela", afirma o historiador.

Fai referencia López ás esculturas do taller do mestre Mateo, que "aínda quedan, á man de calquera, por parroquias do entorno de Compostela, espolios do coro pétreo da catedral". Ao igual que as "polémicas" esculturas do contrapórtico da Gloria, obra tamén de Mateo e declaradas como Bens de Interese Cultural (BIC) en mans da familia do ditador Francisco Franco a pesar dos incesantes requirimentos da Xustiza.

Desvalixáronse conventos, pazos, profanáronse templos e tumbas, e aínda non hai moitos anos o Museo de Pontevedra recuperaba nun anticuario de Milán, en Italia, o tímpano románico, roubado nos anos sesenta, na igrexa da parroquia de Palmou. A Santa de Asorei e A derradeira lección do mestre, testamento artístico de Castelao, en Bos Aires. Hai documentos galegos nas bibliotecas do Escorial, na Nacional de Madrid, na de Simancas, no Viso del Marques, nas cases de Alba, Medinaceli, Medina Sidonia...

Aínda a día de hoxe se poden observar torques galegos no British Museum de Londres, e tamén no Arqueolóxico de Madrid, entre esmaltes, cofres, obxectos litúrxicos e báculos bispais de Mondoñedo (A Mariña), "orgullo do selectivo reino galaico-leonés", sinala o historiador. "E onde están os diademas 'célticos' de Ribadeo [A Mariña]? E as catro columnas do altar do Apóstolo? Tamén no Arqueolóxico de Madrid e no Metropolitan de Nova York", aclara.

Políticas patrimoniais

A lista o patrimonio cultural galego ausente continúa, rozando o exaxerado, até o infinito: o Cristo gótico do Cebreiro (Ancares), o da Igrexa coruñesa de Santiago, o Códice azteca da Coruña (tamén coñecido como Códice Tudela), a biblia hebrea da Coruña ou Biblia de Kenni-cott, as laudas hebreas da coruñesa Palloza ou a placa de mármore coa xenealoxía nazarí aparecida en Betanzos (As Mariñas). Todos eles custodiados en museos do estranxeiro. "Son necesarias, en definitiva, políticas que se centren en inventariar o patrimonio galego oculto e en protexer o que xa coñecemos", sentenza López.

O mundo mariñeiro, labrego e industrial, a punto de desaparecer

"O mundo do mar e o mundo labrego están ausentes nos museos galegos", sinala con firmeza o historiador cultural Felipe-Senén López. E o certo é que, agás iniciativas populares como a do Museo do Pobo Galego, o Museo do Mar de Vigo e pequenos –e poucos– museos municipais que expoñen os artiluxios e as técnicas do seu pasado, non existen grandes iniciativas nacionais que busquen preservar o patrimonio mariñeiro, labrego e industrial.

"Que foi da colección de arqueoloxía Industrial do Museo dos Faros na Torre de Hércules? E da de Fenosa? Da fábrica de Tabacos da Coruña, de Portos, de Teléfonos e Telégrafos? Da colección de Radio Nacional de España na Coruña, de cine... u-las?", cuestiona López. Todo un patrimonio galego que, segundo o historiador, diríxese a navegar nas augas do río Leteo.

Comentarios