Un concurso de ideas impulsará a rehabilitación de Santa Clara

César Mosqueira, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, anunciou a convocatoria dun concurso internacional de ideas para musealizar o convento.
Visita ao convento de Santa Clara (Foto: Rafa Estévez).
photo_camera Visita ao convento de Santa Clara (Foto: Rafa Estévez).

A Deputación de Pontevedra convocará un concurso internacional de ideas para definir como se realizará a rehabilitación do convento de Santa Clara para incorporalo ao Museo de Pontevedra. Anunciouno onte o vicepresidente desta institución, César Mosqueira, nunha visita ás antigas instalacións das clarisas xa preparadas para iniciar as sondaxes arqueolóxicas e os estudos de paramentos e historiográficos. 

O responsábel político do Museo manifestouse convencido de que se presentarán  "os mellores especialistas do mundo en museos para ver que posibilidades hai de organización", achegando as mellores solucións posíbeis para o uso do edificio como museo. 

En canto aos prazos, Mosqueira afirmou que o obxectivo é ter información suficiente do estudo arqueolóxico e histórico artístico de cara a setembro-outubro para poder concretar as bases sobre as que abrir o certame.

Sobre iso, no contrato dos estudos estabeleceuse unha cláusula pola que a empresa adxudicataria terá que informar en tempo real dos achados. 

Os  "pequenos tesouros"

Após realizar traballos de limpeza nas distintas dependencias do convento, segundo o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, agora pódense visualizar moito mellor e facilitar a realización das sondaxes. Nelas estase a facer unha escolma de "pequenos tesouros" a conservar entre os moitos entullos e residuos acumulados durante os 700 anos de uso das clarisas na súa "cápsula do tempo". Entre as pezas conservadas están elementos tales como móbeis, recipientes, baúis ou enreixados. 

Finalmente, o concelleiro de Patrimonio Histórico de Pontevedra Xaquín Moreda anunciou que seguirá a programación cultural no convento. 

Comentarios