Pontevedra acelera o plan de visitas cidadás a Santa Clara

Esta achega ao patrimonio público xa ten páxina web e mesmo redes sociais a pesar de que o anuncio oficial da incorporación ten dous días.
Elemento escultórico no convento de Santa Clara, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Elemento escultórico no convento de Santa Clara, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

Só dous días despois de que o Concello de Pontevedra oficializase a adquisición do convento de Santa Clara, un inmoble que forma parte do caso urbano da cidade e pertencía á Igrexa, para o patrimonio municipal, o Goberno local acelera os seus plans para tecer as datas e a central de reserva para as visitas da cidadanía.

Xunto ao acceso principal ao edificio xa figura unha placa que di: "O 1 de decembro de 2021 o Concello de Pontevedra incorpora ao uso público este convento de Santa Clara". O Concello foi superando todos os pasos pero os ritmos de adaptación á nova realidade tamén son sorprendentes pois xa hai unha chamada ás visitas a este novo elemento público na páxina principal da web municipal. 

Se ben é certo que ao acceder á ligazón, desde Pontevedra advírtese que en breve estarán dispoñíbeis as datas nas que se poderá percorrer o convento, así como os medios para facer a reserva de prazas, non deixa de sorprender que os trámites burocráticos vaian tan acelerados como para anunciar xa ese reclamo turístico.

Noutras ocasións e noutras localidades acostuma pasar bastante tempo para permitir o acceso a un centro recentemente incorporado á bolsa de bens públicos. 

Pero a Pontevedra úrxelle compartir o seu "soño" con todas as veciñas e veciños e mesmo coa xente de fóra do municipio. Quizais por iso o convento xa conta cunha web propia na que se pode descubrir parte da súa historia. 

De feito, o Concello preparou unha liña temporal que repasa os acontecementos destacados relacionados co edificio desde 1271 até os nosos días. 

Na primeira etapa aclárase que o que se sabe é por unha crónica de Xacobe de Castro, que resalta que non houbo comunicacións papais da creación dunha instalación para as clarisas. "A nova que se toma como fundacional é a suposta doazón que faría Maior Pérez, esposa do burgués de Pontevedra Fernán Núñez de Aldán, o 14 de marzo de 1271 para promoción da comunidade", apunta.

Ao chegar a 2021, sinálase "tras un tempo de negociación, Santa Clara de Pontevedra pasa a ser de dominio público". "O Concello adquire o convento e consegue abrir Santa Clara a toda a sociedade, garantindo a conservación e difusión do seu patrimonio", sinálase, a modo de compromiso.

Comentarios