O “soño” de Pontevedra con Santa Clara convértese en realidade

O alcalde de Pontevedra alaba a compra do convento
santa clara pontevedra-min
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores accedeu ao convento acompañado dos medios.

O convento de Santa Clara, situado no casco urbano de Pontevedra, forma xa parte do patrimonio do Concello. Desde a mañá de onte, unha placa á entrada do edificio recolle a seguinte inscrición: “O 1 de decembro de 2021 o Concello de Pontevedra incorpora ao uso público este convento de Santa Clara”. A expectación crecera nas últimas semanas, a medida que o Goberno local superaba as etapas necesarias para adquirir a edificación. 

Precisamente, no día de onte, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinou os documentos que acreditan o Concello como propietario do convento. Acto seguido, e acompañado do concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda; a portavoz do Goberno, Anabel Gulías; e o concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosqueira, acudiu a Santa Clara para realizar unha visita xunto con varias ducias de xornalistas.

Xa no interior, e antes de iniciar a visita, Fernández Lores dirixiuse aos medios de comunicación para expresar a súa “ledicia” pola adquisición do convento de Santa Clara. “A abadesa díxome que hoxe chovía porque Santa Clara estaba a chorar de tristeza; nós tamén choramos, pero de emoción”, recoñeceu o primeiro edil de Pontevedra. Acto seguido salientou a “importancia” de que o Concello incorpore ao seu patrimonio público un edificio de 750 anos de historia.

Lores explicou que o convento “forma parte da historia de Pontevedra, xa que viviu as épocas douradas e de decadencia da cidade, sempre dunha maneira discreta”. O rexedor nacionalista engadiu que “agora toca escribir un novo capítulo na historia de Santa Clara, un no que participe toda a veciñanza do Concello”. 

O obxectivo do Goberno local con esta compra é amosarlle a toda a cidade de Pontevedra “o que os seus muros gardaron até o día de hoxe”. “Cumprimos un soño, noso e de toda a xente desta cidade, fixémolo realidade”, destacou o alcalde nacionalista. Desde que a compra do convento de Santa Clara virou nunha opción real, o Goberno local trasladou que “esta operación urbana é a máis importante da cidade dos séculos XX e XXI”, só comparábel á “operación de incorporación e construción da Alameda e as Palmeiras deseñado por Sesmeros”.

Tras as palabras de Fernández Lores, deuse inicio á visita polas diferentes dependencias do convento. O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, foi o encargado de actuar como guía para o alcalde, os concelleiros e os xornalistas, primeiros civís en visitar o edificio relixioso antes de que o Concello o abra ao público. En primeiro lugar, os visitantes accederon ás adegas e á cociña do mosteiro, onde aínda se podían ver varios obxectos que no seu día pertenceran ás monxas da congregación.

A continuación, percorreron o comedor. Desde alí Moreda explicou que o edificio se caracteriza por case non ter luz artificial nin calefacción, só presente no espazo da igrexa de Santa Clara. Dirixíronse ás celas que antigamente as monxas empregaban como habitacións, e despois puideron observar unha das pezas “centrais” do convento: un grande órgano na parte alta da igrexa, onde as irmás da congregación asistían á misa sen se mesturaren cos fieis. 

Pasaron pola enfermaría, os locutorios e os obradoiros nos que as monxas tecían, e finalmente saíron ao “bosque”, un espazo no xardín no que aínda repousan varias monxas soterradas nun pequeno cemiterio, á espera de seren exhumadas e trasladadas a Compostela.

Comentarios