A danza incorpórase ao 'Híbridas en Santa Clara'

A compañia Kirenia Danza presentará 'Primeiro a vida!' este sábado. O músico  Abrahan Cupeiro que recuperará 'Os sons esquecidos' o domingo.
O espazo de Santa Clara. (Foto: Concello de Pontevedra)
photo_camera O espazo de Santa Clara acolle as actuacións destes ciclos (Foto: Concello de Pontevedra).

A programación cultural que puxo en marcha o Concello de Pontevedra para o Convento de Santa Clara, denominado 'Híbridas en Santa Clara', contará esta fin de semana cun espectáculo de danza. Após o éxito de asistencia das actuacións da Camerata Arven e Catro Cores de principios desta semana, o sábado chégalle a súa quenda a un ciclo escénico que pretende achegar historias que falan de coidados, da vulnerabilidade ou de como os espazos condicionan aos corpos das persoas.

Para este sábado, 16 de abril, a partir das 20 horas, está prevista a participación da compañía de danza contemporánea Kirenia Danza que porá en escena Primeiro a vida!, unha peza que é un eloxio aos coidados xa que todas as persoas son vulnerábeis e poden precisar coidar e ser coidadas. Esta formación é partidaria da intervención en temas e cuestións que van máis aló dos clásicos da danza. Por este motivo afondan nos retos emerxentes da sociedade contemporánea. 

'Sons do Retablo'

O domingo 17 de abril, ás 20 horas, retornará á Igrexa de Santa Clara o ciclo 'Sons no Retablo' que pretende recordar o lugar que foi escenario das músicas de coros, agrupacións de música sacra e outros sons propios do pasado.

Nesta ocasión será coa interpretación de Abrahan Cupeiro que recuperará Os sons esquecidos. Este músico caracterízase pola recuperación de instrumentos perdidos no tempo para empregalos na creación de novas sonoridades e incorporalos en músicas alleas a eles. 

Seis ciclos

Os seis ciclos que conforman 'Híbridas en Santa Clara' agrupan unha serie de espectáculos de índole variada e ecléctica, que van desde a danza ao cinema, a música ou a interpretación. Levan por nome: Mesturas, Danza, Desconecta, Sons no Retablo, Pianos e Música sen Palabras.

Trátase dunha mestura que pon o foco no talento local e de proximidade, e que amosa o bo facer das e dos artistas da Galiza que compoñen a programación. 

A entrada para todas as actividades é de balde até chegar ao límite de ocupación. É dicir, non será precisa ningunha reserva para as actuacións. Porén, desde o Concello aconsellan acudir con tempo a calquera delas nun espazo que, por norma xeral, conta con 155 cadeiras.

Comentarios