Primeiras visitas guiadas ao interior do Convento de Santa Clara, en Pontevedra

A Concellaría de Patrimonio Histórico de Pontevedra anunciou que o 18 de febreiro abrirá o prazo de inscrición para as visitas das fins de semana de marzo. O alcalde e o concelleiro Xaquín Moreda comprobaron o estado de execución da rampla que fará accesíbel a igrexa que se converterá en espazo cultural da cidade.

O alcalde de Pontevedra explica a intervención no Convento de Santa Clara nunha visita guiada (Foto: Concello de Pontevedra).
photo_camera O alcalde de Pontevedra explica a intervención no Convento de Santa Clara nunha visita guiada (Foto: Concello de Pontevedra).

Este sábado comezaron as primeiras visitas ao Convento de Santa Clara de Pontevedra, recentemente adquirido polo Concello. Durante o mes de febreiro 640 persoas poderán percorrerán o edifico e a horta ao conseguir inscribirse a través da web municipal.

Esta primeira visita contou coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e do concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda. Ambos comprobaron o estado de execución da rampla que dará acceso á igrexa e explicaron ás persoas asistentes o proxecto no que colabora a Deputación provincial, a través do Museo de Pontevedra.

Neste primeiro mes o Concello ofreceu 640 prazas que se cubriron en media hora. As visitas serán nas fines de semana de febreiro (sábado e domingo), con catro quendas cada día. Cada grupo está formado por 20 persoas que garanten tanto as medidas de seguridade como a calidade da visita.

Os participantes poderán coñecer espazos como a Igrexa, os dous coros, refectorio, locutorios, salas de traballo ou os dormitorios entre outras estancias. Tamén se achegarán ao exterior para ver horta, xardín e Bosque da man dun guía.

Visitas para marzo

O Concello activará o vindeiro 18 de febreiro o sistema para proceder coas reservas das visitas de marzo. A día de hoxe existe a posibilidade de se apuntar para a listaxe de agarda das visitas de febreiro, mais esa listaxe non serve para as visitas de marzo.

O concelleiro de Patrimonio Xaquín Moreda xa indicou que a estes dous primeiros meses de visitas poderá seguirlles outros máis, xa que se segue existindo interese por parte dos pontevedreses e pontevedresas para coñecer o convento, ofreceranse máis visitas guiadas nos vindeiros meses.

Rampla de acceso á igrexa

O alcalde e o concelleiro Xaquín Moreda aproveitaron a visita para ver o estado de execución da rampla de metal e madeira que o Concello está a instalar no exterior da igrexa do cenobio e que estará rematada a semana vindeira.

A idea é facela accesíbel xa que está previsto que a igrexa se incorpore como espazo cultural e de encontro da cidade.

Agradecemento da abadesa

Ao mesmo tempo, o alcalde tamén quixo facer pública a carta que recibiu da abadesa de Santa Clara, Victoriana Jorde Herrero, coa que o alcalde e o Concello mantén unha fluída relación logo dos últimos meses de contacto pola compra do convento na cidade.

O alcalde envioulle como agasallo da cidade un paquete con calendarios municipais de 2022 que este ano está dedicado ao convento, así como as fotos da sinatura notarial da venda. A misiva da abadesa de Santa Clara agradece o xesto cordial e humano do alcalde e a cortesía e amabilidade do trato da Alcaldía.

Comentarios