O Concello de Betanzos homenaxea Antolín Faraldo cunha placa que sitúa o seu nacemento 69 anos despois da súa morte

A placa tamén presenta un erro lingüístico.
Placa conmemorativa no concello de Betanzos coas erratas. (Foto: @BustoDopazo/Twitter)
photo_camera Placa conmemorativa no concello de Betanzos coas erratas. (Foto: @BustoDopazo/Twitter)

O Concello de Betanzos vén de estrear unha placa conmemorativa en homenaxe a Antolín Faraldo, co gallo do 200 aniversario do seu nacemento. Nun acto no que estivo presente a alcaldesa, María Barral Varela, e integrantes da corporación municipal, descubriuse este monumento en lembranza “do primeiro e o mellor”, tal e como foi definido por Manuel Murguía.

Porén, un pequeno detalle na placa conmemorativa non escapou aos ollos dos curiosos e curiosas que se achegaron a vela, nin dos usuarios e usuarias das redes sociais. O ano de nacemento do intelectual e político galego está mal posto. En concreto, 69 anos despois de que Faraldo falecese en Granada, no 1853.

“O Concello de Betanzos, en homenaxe a Antolín Faraldo Asorey (Betanzos, 1922 – Granada, 1853)...”, reza a placa. Evidentemente, é imposíbel que Faraldo nacese en 1922 se morreu en 1853. Aliás, o texto tamén presenta outro erro, xa que pode lerse “septembro” no canto de setembro, como se escribe correctamente. Erros que, máis alá da anécdota das redes sociais, evidencian que nin o Concello nin a persoa responsábel de deseñar o motivo conmemorativo revisou a placa antes de construíla, e moito menos de estreala.

A concelleira do BNG en Oza-Cesuras, Estefanía Busto Dopazo, escribía o seguinte na súa conta de Twitter: “En Betanzos non había ningunha placa lembrando Antolín Faraldo, onte descubriron esta, o ilustre betanceiro naceu case 100 anos despois de morrer e a homenaxe foi en ‘septembro’! Ninguén revisa estas cousas?”.

Antolín Faraldo

Antolín Faraldo naceu o 2 de setembro de 1822 no número 1 da rúa San Francisco de Betanzos. O levantamento de 1846 é, talvez, o feito histórico máis coñecido en relación con Faraldo, mais non está de sobra lembrar que, se ben se tratou dun levantamento que se sitúa dentro das coordenadas das revoltas liberais que se estaban a dar na península na altura, especialmente en Catalunya, na Galiza adquiriu un carácter propio, precisamente por estar ideado e dirixido polos provincialistas. 

Faraldo fixo parte da xunta revolucionaria a carón doutras figuras destacadas do provincialismo como Romero Ortiz e Pío Rodríguez Terrazo. Participou activamente no programa de recrutamento do que sería o Batallón Literario de Santiago e redactou a coñecida proclama de liberación (Galicia, arrastrando hasta aquí una existencia oprobiosa, convertida en una verdadera colonia de la Corte, va á levantarse de su humillación i abatimiento.) na que explicitou o concepto de colonia interior que manexara en varios dos seus escritos anteriores e na que se formulou un programa de autogoberno como fórmula de "restauración" da Galiza.

A derrota e o fusilamento de Solís provocou o repregamento daquel galeguismo inicial a posicións culturalistas. Faraldo, exiliado en Portugal, escribiu a Reseña histórica de los últimos acontecimientos políticos de Galicia (asinado por Juan do Porto) para, despois de recibir o indulto coa condición de que non volvese residir na Galiza, instalarse en Córdoba primeiro e, logo, en Madrid.  

A última biografía de Xurxo Martínez González pon en cuestión aquelas palabras de Murguía en Los precursores que sentenciaban que, despois da revolución de 1846, "Faraldo no nos pertenece", desvelando que os seus proxectos seguiron vinculados á Galiza até o seu prematuro final, cando contaba só con 31 anos de idade.

Comentarios