Desenvolverase durante toda a fin de semana no Pazo da Cultura

Comeza en Pontevedra a Culturgal, a Feira das Industrias Culturais

Comeza a Culturgal, cunha edición que recupera a presencialidade e que se desenvolve arredor dos conceptos de accesibilidade, igualdade, inclusión e sustentabilidade. Durante toda a fin de semana, o público poderá gozar do que ofrecen cento dezanove postos, máis de oitenta empresas con presenza física e un programa de cen actividades vinculadas ao mundo do libro, da música, das artes escénicas, do cinema, da infancia e do ámbito profesional do mundo da cultura
A exposición 'A casa da Galiza' no exterior do Pazo da Cultura.
photo_camera A exposición 'A casa da Galiza' no exterior do Pazo da Cultura. (Foto: Nós Diario)

Hoxe comeza en Pontevedra a Culturgal, a feira das industrias culturais galegas, que se desenvolverá até o domingo 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. 

Nesta décimo cuarta edición recupérase a presencialidade apostando por propostas culturais que encaran o futuro arredor dos conceptos de accesibilidade, igualdade, inclusión e sustentabilidade. 

Con cento dezanove postos, máis de oitenta empresas con presenza física e un programa de cen actividades vinculadas ao mundo do libro, da música, das artes escénicas, do cinema, da infancia e do ámbito profesional do mundo da cultura, a feira ten este ano como lema A cultura que toca

 Este primeiro día de feira estará dedicado aos encontros profesionais, “para que as empresas non se vexan tan apuradas como outros anos para ter todo montado a primeira hora do venres”, segundo declarou Xosé Aldea, director da Feira. 

Deste xeito, a actividade de hoxe estará restrinxida ao Espazo Foro, no que se debaterá sobre “os grandes temas do sector e as preocupacións xurdidas tras a pandemia” en sesións abertas ao público. 

A Culturgal quedará oficialmente inaugurada nun acto de apertura, ás 13 horas, no que intervirán Victor López, presidente da Culturgal, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra. 

Xa pola tarde, o Espazo Foro acollerá debates abertos ao público sobre o Manual de boas prácticas para a realización de espectáculos ao vivo, sobre o Pacto Galego Cultura Sustentábel ou sobre o novo catálogo de Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas,  entre outros temas que protagonizarán a xornada.  

Ás 19 horas, terá lugar un pase especial de preestrea do filme Malencolía, dirixido por Alfonso Zarauza (Os fenómenos, Encallados), no que estarán presentes o propio director e varios membros do equipo artístico. 

Ademais, poderá visitarse, no exterior do Pazo da Cultura, a exposición organizada pola Fundación Rosalía de Castro  A casa de Galiza que, deseñada por Pepe Barro, celebra os cincuenta anos da apertura da Casa de Rosalía de Castro en Padrón. 

Xa durante a fin de semana abrirán todos os espazos desde as once da mañá até as nove da noite: Foro, Libro, Infantil, Cinema e Auditorio, este último dedicado ao teatro e á música ao vivo. 

Comentarios