MORRIS, DUPLA COMO MELLOR ACTOR

“Os Fenómenos” e “A Esmorga”, grandes triunfadoras dos Mestre Mateo

A película de Alfonso Zarauza levou catro premios, entre eles as principais categorías de cine; mentres que o filme de Ignacio Vilar foi o máis galardoado, con seis premios, en especial nas categorías técnicas.


Triunfo compartido entre os dous candidatos favoritos nos na XIII Edición dos Premios Mestre Mateo. O filme “Os Fenómenos” conseguiu catro galardóns, entre eles as categorías principais, mentres que “A Esmorga”, que conseguiu seis premios, foi a máis destacada nos campos técnicos.

Os Fenómenos” -unha produción de Zircocine, Maruxin Film Company e TVG- acadou os premios de Mellor Longametraxe, mellor Dirección, mellor Guión e mellor Interpretación Feminina de Reparto, para a actriz Ledicia Sola. O seu director, Alfonso Zarauza, reivindicou a importancia do sector. “Non se pode ter a política económica de Alemaña e ter a política cultural de Tanzania”, dixo Zarauza na recollida do premio.

O outro gran gañador da noite foi o actor Antonio Durán ‘Morris’, que conseguiu  dous premios a mellor actor de reparto, polo “Códice”, e mellor protagonista por “A Esmorga”. O filme de Ignacio Vilar foi o que máis galardóns obtivo, pero tivo que conformarse coas categorías técnicas: mellor maquillaxe, música orixinal para Zeltia Montes; vestiario a Mar Fraga; dirección de fotografía a Diego Romero Suárez; e dirección de arte a Ángel Amaro. 

"Serramoura", mellor serie de TV

Nas categorías de televisión, “Serramoura” obtivo o premio a mellor serie. O mellor programa foi para "ZigZag Diario", e a mellor comunicadora para Marga Pazos do Telexornal Mediodía, ambos de TVG. A actriz Mabel Rivera foi elixida mellor actriz protagonista por “Pazo de Familia”.

O premio de honra recaeu sobre a actriz Fely Manzano, que rematou o seu discurso ao berro de “Viva o audiovisual galego!”. 

Na categoría de animación, “Maimiño” acadou o premio a mellor longa. O videoclip de “Garden’s Road” de Miss Movies; a realización de Diego Guerrero e Marcos Estebo por “Cos pes na terra”, e a montaxe de Marcos Nine para “A Viaxe da Leslie”, foron outros dos recoñecidos. Unha das favoritas,  “Schimbare”, logrou finalmente a mellor dirección de produción para Toni Veiga e o mellor son para David Machado.

No capítulo de series web, impúxose “El método sueco”, dos mozos de Porco Bravú. A mellor curta foi para 'Unary', de Elena Olivares y Nacho Caballero, en coprodución con Pixel Films; mentres “Alarma, ya es Navidad” resultou elixido como mellor anuncio de publicidad. 

Recoñecemento a Angrois e Fely Manzano

Recoñecemento especial houbo para o Colectivo Audiovisual Lentes Diverxentes, premiado polo seu documental “Angrois no esquecemento”, que adicou o galardón ás vítimas da traxedia ferroviaria e a súas familias. "Seguen reclamando máis dun ano despois que se faga xustiza, que de verdade se busque a verdade e que se cree dunha vez esa comisión de investigación política para depurar responsabilidades".

O premio de honra recaeu sobre a actriz Fely Manzano, que aproveitou o seu discurso para pedir que non se esqueza á súa xeración, ademais de agradecer ao público o seu apoio ao sector. O público asistente ao evento acompañou á actriz cun clamoroso aplauso no seu berro de “Viva o audiovisual galego!”. 

A gala dos premios que recoñecen os mellores traballos audiovisuais galegos tivo lugar no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña, presentada por Roberto Vilar.

Comentarios