A Feira celebrará con máis de cen eventos, do 26 ao 28, o seu regreso á presencialidade

Culturgal mostra todo o talento galego

A Culturgal, a feira das industrias culturais galegas, volve do 26 ao 28 de novembro ao Pazo da Cultura de Pontevedra recuperando a presencialidade e apostando polo talento galego que enfronta o futuro en torno á accesibilidade, igualdade, inclusión e sustentabilidade.
A feira das industrias culturais da Galiza terá lugar do 26 ao 28 de novembro. (Foto: Culturgal)
photo_camera A feira das industrias culturais da Galiza terá lugar do 26 ao 28 de novembro. (Foto: Culturgal)

Cento dezanove stands, máis de oitenta empresas con presenza física e un programa de cen actividades vinculadas ao mundo do libro, da música, do cinema, das artes escénicas, da infancia e dos profesionais. Con esas armas se presenta a edición do Culturgal deste ano, que terá lugar do 26 ao 28 de novembro en Pontevedra. 

A Feira presentou en rolda de prensa, toda a programación da edición de 2021, que incide especialmente nos conceptos de reencontro e recuperación. Víctor López, presidente da Culturgal, declaraba que “a reserva completa do espazo feiral, a afluencia de propostas que chegaron para construír a programación, o ritmo de venda das entradas da feira, fannos pensar que hai moitas ganas de Culturgal”, salientando así esa idea de “volta á normalidade” que todo o mundo desexa. 

López invitou a pescudar no programa, sinalando  que haberá "moitas propostas rupturistas, inesperadas, innovadoras, propostas que nos conectan con público de gustos e idades diversas".

Culturgal TV é unha tele cultural de fin de semana que transmitirá unha selección das actividades que terán lugar ao vivo en Pontevedra, e incluirá produtos audiovisuais, entrevistas e reportaxes cos protagonistas da Feira

Culturgal TV e encontros profesionais 

Unha das grandes novidades desta xeira é a aposta por Culturgal TV. Despois da experiencia de 2020 -na que baixo o lema 'En caso de emerxencia, cultura', a Culturgal afrontou a súa edición máis complicada pola necesidade de adaptarse á nova normalidade derivada da pandemia da Covid-19 e ás restricións adoptadas polas autoridades para frear a expansión do virus- os responsábeis da feira seguirán traballando nas retransmisións en directo como formato idóneo para chegar a máis público. 

Culturgal TV é unha tele cultural de fin de semana que transmitirá unha selección das actividades que terán lugar ao vivo en Pontevedra, e incluirá produtos audiovisuais, entrevistas e reportaxes cos protagonistas da Feira. “Queremos chegar á xente que non pode vir, como é a ampla comunidade galega no exterior que está respondendo moi positivamente ao proxecto enviándonos videos e felicitacións”, apunto Xosé Aldea, director da Feira.

Outra das mudanzas consistirá en reservar a tarde da sexta feira para os encontros profesionais, “para que as empresas non se vexan tan apuradas como outros anos para ter todo montado a primeira hora do venres”. Iso significará que a actividade dese día estará restrinxida ao Espazo Foro, no que se debaterá sobre “os grandes temas do sector e as preocupacións xurdidas tras a pandemia” en sesións abertas ao público. O Manual de boas prácticas para a realización de espectáculos ao vivo, o Pacto Galego Cultura Sustentábel ou o novo catálogo de Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, serán algúns dos protagonistas da xornada.

O sábado 27 e o domingo 28, a Feira abrirá todos os seus espazos de once da mañá a nove da noite. A programación repartirase polos espazos Foro, Libro, Infantil, Cinema e Auditorio, que acollerá o teatro e a música ao vivo.

Máis de cen actividades 

O sábado 27 e o domingo 28, a Feira abrirá todos os seus espazos de once da mañá a nove da noite. A programación repartirase polos espazos Foro, Libro, Infantil, Cinema e Auditorio, que acollerá o teatro e a música ao vivo. 

Entre os nomes destacados pola organización no campo literario están Diego Ameixeiras, Manuel Rivas, Ledicia Costas, Susana Pedreira, Manuel Gago ou o Colectivo Rompente. Tamén se presentarán os Premios da Deputación da Coruña e a nova editora Rodolfo e Priscila, entre outras moitas presentacións de libros e coleccións. 

No audiovisual, proxectaranse o documental Xela Arias. A poeta nas marxes, Malencolía de Alfonso Zarauza, Negro púrpura de Illa Bufarda, Beiras, vivir dúas veces, de Jorge Coira, ou a comedia Cuñados, e haberá presentacións da novela visual interactiva Ti primeiro, da webserie documental Un ronsel de futuro e da serie Rapa

As artes escénicas estarán presentes a través da representación de Dreaming Juliet da compañía Elefante Elegante ou de A parábola do Angazo, de Talía Teatro, e da presentación da xira de Fariña para 2022. 

Como xa vén sendo marca de identidade da Culturgal, o público infantil e familiar terá unha enorme panoplia de actividades entre as que escoller durante o sábado e o domingo. E mantense a área específica para expositores dedicados á arte contemporánea. 

Ademais, poderán verse as exposicións A casa de Galiza, que deseñada por Pepe Barro celebra os cincuenta anos de apertura da Casa de Rosalía; Cantámola en galego, unha mostra interactiva comisariada por Pepe Cunha e Teresa Cuiñas sobre música en galego das últimas décadas; ou Kinétiko, unha mostra interactiva de autómatas desenvolvida por Xira Paus. 

A Culturgal pechará cun concerto de Tanxugueiras. Antes, no espazo musical haberá concertos de Mirmidón, o Trío Caspervek, Fernado Abreu & Alberto Vilas, Batea ou Xoán Curiel. 

Comentarios