Colaboración da AGPXC e da Deputación da Coruña

Presentan un 'manual de boas prácticas' en espectáculos ao vivo

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e mais a área de Cultura da Deputación da Coruña presentaron onte o Manual de Boas Prácticas na Xestión Cultural para Espectáculos ao Vivo
Presentación Manual _ Agpxc
photo_camera Ángel Dieste, Xurxo Couto, Pilar Portela e Patricia Hermida. (Foto: Nós Diario)

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e mais a área de Cultura da Deputación da Coruña  presentaron esta terza feira o Manual de Boas Prácticas na Xestión Cultural para Espectáculos ao Vivo, unha ferramenta de interese para o desenvolvemento da programación en directo, tendo en conta as restricións derivadas da Covid-19. 

No acto de presentación do volume participaron o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, a presidenta da AGPXC, Pilar Portela, e os autores do manual, Patricia Hermida e Ángel Dieste.

A aparición da pandemia da Covid-19 e o decreto do estado de alarma están na orixe da idea por parte da AGPXC de realizar un manual de boas prácticas, nacido logo dun proceso de reunións entre as persoas socias da entidade e outras organizacións sectoriais, para facer propostas cara ás institucións orientada ao traballo pola unidade sectorial e a defensa da cultura.

O obxectivo do manual é o de estabelecer dun modo práctico os pasos que debe seguir calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, á hora de afrontar a organización dun espectáculo ao vivo.

Os autores do traballo, Patricia Hermida e Ángel Dieste, destacaron que “o manual é un documento que pretende dar resposta de modo áxil e accesíbel ao reto de organizar un evento con base nunhas boas prácticas, que non son outras que as que veñen sustentadas pola responsabilidade social, ambiental e cultural e pola propia normativa e lexislación vixentes”.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, destacou que “será unha ferramenta de uso e de interese non só para concellos senón para teatros, auditorios e entidades que programan actividades ao vivo".

O manual está dispoñíbel a través da web da AGPXC.

Comentarios