150 anos da chegada de Rosalía á Coruña

Rosalía e Murguía na Coruña: a configuración dun proxecto nacional

A chegada, en 1871, de Rosalía de Castro e Manuel Murguía á cidade da Coruña, marca un fito na configuración dun proxecto ideolóxico que tiña como meta a lexitimación da Galiza como nación. Rosalía desde o literario e Murguía desde o historiográfico avanzan alleos a un Estado español que ignora a Galiza. 
Unha vista da exposición sobre a Casa de Rosalía.
photo_camera Unha vista da exposición sobre a Casa de Rosalía.

En 1871, Manuel Murguía e Rosalía de Castro múdanse á Coruña. Murguía viña de ser nomeado director do Arquivo Xeral do Reino da Galiza e a parella pasa a residir na cidade herculina desde entón até 1874. O Concello da Coruña, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, conmemora os 150 anos da chegada de Rosalía de Castro á Coruña cunhas xornadas que terán lugar desde hoxe e até 12 de novembro. O programa inclúe actuacións musicais, conferencias no Circo de Artesáns, un roteiro guiado pola cidade rosaliana e unha exposición nos Xardíns de Méndez Núñez sobre os 50 anos da Casa de Rosalía. 

A estadía da parella na Coruña coincide cuns anos de gran conmoción política no Estado: o triunfo da Revolución de 1868 dera lugar ao comezo do coñecido como Sexenio Democrático, que culminaría coa proclamación da I República en 1873 e que remataría coa Restauración Borbónica en decembro de 1874. 

"Pódese constatar que un período de liberdade española non se corresponde cunha época de liberdade ou de progreso na Galiza",observa maría Pilar García Negro

María Pilar García Negro, que pronunciará unha das conferencias incluídas nas xornadas, “A vida de Rosalía de Castro na Coruña: un tempo histórico decisivo”, apunta: “Os desexosos de que a Galiza ocupase un outro lugar na política española do tempo non teñen espazo nesta transformación. A vaga liberal chega, mais non ten consecuencias na política galega na que estaban implicados Rosalía e Murguía, nin significa, en absoluto, mellora da Galiza en termos económicos nin sociais. A Galiza non cabía na chamada ‘defensa dos intereses xerais do Estado’. Os problemas da agricultura, da pesca, da terríbel lacra da emigración, continúan patentes. E todo iso inflúe no pesimismo e no ton elexíaco que teñen os seus poemas de Rosalía”. 

Esa situación ten consecuencias directas na creación da propia Rosalía. “Anotamos un paradoxo relevante: a pesar de estarmos no Sexenio Democrático e mesmo ter existencia unha nova forma de goberno como é a I República e malia non existir censura previa, Rosalía de Castro non pode publicar", sinala García Negro. Unha obra como Follas Novas, que ten a ver con estes anos de residencia na Coruña -aínda que a maior parte fora composta en terras de Castela, en Simancas e Madrid- é unha obra que demora oito anos en poder ser publicada e faino grazas a La Propaganda Editorial, de Alejandro Chao, sita na Habana. De maneira que se pode constatar que un período de liberdade española non se corresponde cunha época de liberdade ou de progreso na Galiza. Hai que lembrar como se legaliza en 1873 a emigración, o que supón abenzoar un proceso xa iniciado moito antes e de consecuencias mortais para a Galiza”. 

A política galega, entrementres, ía por outro lado. O secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, que falará sobre “Murguía na Coruña e a fundación da RAG”, incide sobre a importancia que ten esta primeira estancia na Coruña (Murguía volvería residir na cidade na década de 1890, xa falecida Rosalía) no desenvolvemento dos seus traballos e na fundación da Academia. “Non se trata só de trazar un roteiro da súa estancia na Coruña, senón de rastrexar os lazos dialécticos que se estabelecen entre un intelectual e unha cidade e que os configuran ideoloxicamente. O interesante é saber cales foron os círculos de sociabilidade de Murguía na Coruña, con quen se relacionou. El pertence a unha burguesía intelectual liberal e busca espazos de liberdade dese perfil. E ese liberalismo inicial da década dos 70 vai embocando cara á idea e a política esencial de toda a súa obra: ratificar a Galiza como nación desde a súa historia. Na década dos 90, xa no seo do grupo da chamada Cova Céltica, asume que quere darlle unha lectura política ás súas ideas -coa fundación do rexionalismo- e decátase de que a nosa literatura precisa ser referendada por unha institución que non existía pero que podía ser útil e, daquela, aparece a idea da Academia. Unha estación máis no camiño xa percorrido”. 

"A descualificación dos estudos de Murguía por parte da ortodoxia españolista foi brutal", explica Xosé Luís Axeitos

O choque co pensamento españolista dominante ten a súa orixe nestes anos. Murguía comeza a redacción do terceiro tomo da súa Historia da Galiza, que non se publicará até 1878 e que, explica Axeitos, “é o máis conflitivo, porque é o que trata do reino suevo e do celtismo e o que provoca os ataques máis furibundos contra o rexionalismo disgregador, como o chamaba Sánchez Moguel. A descualificación dos estudos de Murguía por parte da ortodoxia españolista foi brutal". 

Neste contexto, Rosalía escribe poemas como "Na tomba de Sir John Moore" na que, lembra García Negro, "crea un triángulo implícito: Moore é escocés e masón; María Bertorini, a quen está dedicado o poema, é galesa; e está a Galiza como lugar que tivo que defenderse soa do invasor francés". 

"A Galiza foi nación literaria antes que política", di Axeitos. "A obra literaria de Rosalía conflúe coa obra historiográfica de Murguía, porque o traballo de ambos -e o doutros cos que se relacionan na Coruña- teñen o mesmo obxectivo: lexitimar a Galiza como nación". 

Cincuentenario da Casa de Rosalía

Acompañando os actos de conmemoración do 150 aniversario de Rosalía de Castro e Manuel Murguía á Coruña, inaugurarase a exposición itinerante “A Casa de Galiza. 50 anos da Casa de Rosalía”, comisariada por Pepe Barro, que estará nos Xardíns de Méndez Núñez até o 24 de novembro e logo, tras pasar polo Culturgal, percorrerá ducias de localidades de todo o país. 

Esta mostra exterior fai un repaso pola historia desta Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo, grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Padroado Rosalía, creado en 1947, converteuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin sequera o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar esta casa. 

Comentarios