“O milagre do Ariete” abre este sábado un novo número do Sermos Galiza cun texto que chega da man de Mar Álvarez e que repasa todo o acontecido naquel naufraxio de 1966. A xornalista repara na fragata Ariete, que foi encallar en Ardeleiro (Lira) nunha noite de tormenta. Por que se fala dun milagre? Pois porque a veciñanza se implicou para sacar a toda a tripulación en medio da tormenta. 55 anos despois daquel accidente marítimo é tempo de botar a vista atrás.
Tanto como o fai a cineasta, profesora e intelectual Margarita Ledo, que xunto con Manuel Xestoso debulla a súa última peza Nación, un filme que xa levou o recoñecemento do Festival de Cine Europeo de Sevilla.
Baixo o titular “Margarita Ledo. Berro da Nación” e con fotografía de Tamara de la Fuente, a artista amosa as chaves da loita obreira desde un prisma feminino. Así responde a preguntas sobre a economía, a recuperación da palabra, o uso do galego e o castelán...
A terceira reportaxe do semanario é para celebrar que “O centro galego da imaxe fai 30 anos”. Raquel Besteiro Gestoso conta que o tamén coñecido como CGAI, situado na cidade da Coruña, está de aniversario nunha situación un pouco peculiar para a cultura pero non deixa de loitar por fornecer propostas atractivas para o público.
Como viña sendo habitual atende exposicións e pasa cintas especiais, agora coa distancia de seguridade e reactivando a programación aos poucos.
No Andar e Ver, o Colectivo Xea (Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo) lévate de excursión “Polo litoral de Corcubión” agora que si hai certa mobilidade permitida.
E para as e os habituais desta lectura das fins de semana, non faltan as seccións clásicas para aprender de libros con Mario Regueira e Manuel Barreiro; de música con Olga Brañas e Mauro Borrazás; e de cinema atendendo aos escritos de Andrés Castro.
Por outra parte, Pepe Barro repara nos carteis e nos gravados no apartado de Deseño e Lázaro Armental analiza o ciclismo urbano na sección de Arquitectura. Para completar a proposta están os pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.
Non queres perder nin un só destes interesantes contidos? O único que tes que facer é ir mañá ao quiosque ou mercar a edición na nosa loxa en liña. Mais non adíes a subscrición: terás os xornais, semanarios, cadernos e mesmo coleccionábeis na porta!