As catalás Núria Figueras e Anna Font recollen o Premio Compostela de Álbums Ilustrados

'A visita' impúxose nunha edición do Premio Compostela á que se presentaron 261 proxectos procedentes de 22 países.
Foto de familia coas gañadoras do premio.
photo_camera Foto de familia coas gañadoras do premio.

As autoras catalás Núria Figueras e Anna Font recibiron esta quinta feira, nun acto celebrado no Pazo de Raxoi, o "Premio internacional Compostela para álbums ilustrados 2023", convocado polo Concello de Santiago en colaboración coa editorial Kalandraka, dotado con 9.000 euros e coa publicación da obra en galego, catalán, éuscaro, castelán e portugués. A visita foi seleccionado polo xurado por tratarse dun "álbum ilustrado perfectamente construído que nos achega a un concepto tan abstracto como é o silencio". A visita impúxose nunha edición na que se presentaron 261 proxectos procedentes de 22 países diferentes. 

Durante o acto, Núria Figueras agradeceu o premio ao xurado e defendeu a necesidade do silencio nunha sociedade chea de ruído, xa que "se abrimos a porta ao silencio, abriremos a porta á tranquilidade, e se como a raposiña do conto, conseguimos gozar da súa compañía, aprenderemos a estar sós con nós mesmos, e só así podermos estar ben cos demais". A ilustradora Anna Font dedicou o galardón á súa familia e persoas próximas e agradeceu de xeito especial a decisión do xurado xa que "foi un enorme esforzo e un reto moi complexo". 

Na súa intervención, Xosé Ballesteros, un dos fundadores e director da Editorial Kalandraka, fixo un chamamento a que "haxa moitos libros en papel para a infancia fronte a tiranía da conectividade e o todo dixital". "Reivindicamos a beleza, a que se pode tocar, sentir, tanxíbel como as páxinas dun libro". 

A continuación, Xosé Ballesteros fixo entrega dos exemplares do libro traducidos a cinco linguas ás súas autoras, á alcaldesa, Goretti Sanmartín, e á concelleira de Educación, Míriam Louzao. A obra premiada constituirá un dos eixos na proxección exterior da editorial e da cidade de Santiago a través das feiras internacionais do libro. 

Comentarios