As Xornadas de Ilustración Urbana afondan no debuxo como modo de vida

O 6º Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela ilustrada reúne en Santiago debuxantes e artistas da ilustración nun intenso programa de obradoiros e clases maxistrais
Acto inaugural de Compostela Ilustrada.
photo_camera Acto inaugural de Compostela Ilustrada.

A Sala Mozart do Auditorio de Galiza acolle, dende esta sexta feira, 10 de novembro, unha nova edición das Xornadas de Ilustración Urbana, un programa de conferencias de acceso de balde da man de reputados artistas do debuxo e a ilustración que se desenvolve dentro do marco do 6ª Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela ilustrada

A alcaldesa Goretti Sanmartín, a concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao e a coordinadora das Xornadas, Gemma Sesar, tomaron parte acto inaugural desta edición que baixo o título "Un modo de vivir" profunda na evolución que a práctica do caderno de viaxe experimentou nos últimos anos até se converter nunha posibilidade profesional para moitas persoas afeccionadas á ilustración.  

Goretti Sanmartín salientou a importancia deste encontro que atrae á cidade "visitantes de luxo, que chegan a Compostela con calma, que veñen a mirar, que se paran nos detalles". A alcaldesa valorou "os cadernos de viaxe como maneiras de facer cultura que nos transmiten unha emoción especial" e insistiu na necesidade de "apoiar proxectos coma este que signifiquen levar o debuxo a todas as idades e a todos os espazos". 

A seguir coas oportunidades que Compostela Ilustrada ofrece á cidade de Santiago, Gemma Sesar incidiu no impacto que o encontró xera en termos de difusión, con máis de 50.000 imaxes que están a ser compartidas nas redes sociais grazas ás e aos artistas visitantes. 

 

Un mural para Luísa Villalta 

Despois das intervencións, onte, da creadora francesa Marión Rivolier, do ilustrador Federico Granell, e do debuxante portugués Paulo J. Mendes, hoxe será a quenda das intervencións da británica Lis Watkins que, alén de falar da importancia do debuxo na súa evolución, presentará o seu traballo enfocado en parques urbanos; e do artista Tazab, que compartirá as súas vivencias na residencia artística que realizou nas Illas Cíes.  

Pola tarde, o ilustrador catalán Lluïsot trasladará ao público a súa experiencia como debuxante caricaturesco e a deseñadora galega e muralista Iria Prol afondará tamén no seu proceso de traballo. No transcurso das dúas xornadas, Prol elabora en directo un mural no corredor do Auditorio arredor da figura e a obra de Luisa Villalta

 

Comentarios