Contracultura

Núria Figueras e Anna Font: "Na obra non quixemos negativizar o silencio, senón axudar a entender que é algo agradábel"

Hoxe, no compostelán Pazo de Raxoi, Núria Figueras e Anna Font recollen da man da alcaldesa, Goretti Sanmartín, o Premio Internacional Compostela para Álbumes Ilustrados 2023, galardón convocado polo concello da capital. Na súa décimo sexta edición, a obra gañadora é A visita, un conto infantil editado por Kalandraka e escrito por Núria Figueras e ilustrado por Anna Font, e que leva a reflexionar sobre o silencio nunha sociedade na que só se escoita ruído.
A escritora Núria Figueras e a ilustradora Anna Font, autoras do álbum ilustrado  'A visita'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A escritora Núria Figueras e a ilustradora Anna Font, autoras do álbum ilustrado 'A visita'. (Foto: Nós Diario)

—A visita conta a historia dunha raposa que queda soa en casa por primeira vez e coñece o silencio. Como xorde esta idea?
Núria Figueras: Esta historia vén dun recordo que teño eu de pequena. Grazas a un traballo que me mandaron facer nun taller de literatura no que nos pedían conectar cunha emoción que experimentaramos de cativos, lembrei a primeira vez que quedei soa na casa. Miña nai marchou facer un encargo e normalmente na miña casa había ruído. Eramos tres irmáns, tiñamos un gato, un canario, a televisión adoitaba estar acesa... En definitiva, había vida. Miña nai marchou e eu notei nese momento, cando pechou a porta, o silencio entrando na casa. A partir de aí construín o conto. Ademais, pareceume un tema de moita importancia, pois actualmente estamos todos moi saturadas e contamos con moi poucos espazos de silencio.

—Representar algo tan complexo como é o silencio é moi difícil. Cando presentan esta historia e este personaxe tan peculiar e como enfrontaron a este reto?
Anna Font: Cando recibín o texto de Núria, tiven claro que quería relacionar o silencio coa ausencia de calquera ruído. Para iso, busquei a liña máis pura. Imaxinei o silencio só como unha liña. Gustoume a idea de buscar a cousa que fora o máis sinxela posíbel. Busquei que todo se impregnara, incluso o propio proceso creativo dese silencio. Por outro lado, traballei os fondos e os escenarios de maneira de que quitaran cousas en lugar de que as engadiran. Todo o que ía imaxinando tiña como fío transversal o “menos é máis” para que todo respirara silencio. Ademais, non quixemos negativizar o silencio, todo o contrario, a nosa intención era facer que se entendera que era algo agradábel ou incluso algo do que te facías amigo. Para iso buscamos que o personaxe do silencio, aínda sendo un ser enorme tivera certa tenrura. 

—Vivimos nunha sociedade moi ruidosa e acelerada. Pensan que os adultos e adultas tamén temos, como a raposa, algo de medo ao silencio?
N.F.: Penso que si. Non estamos acostumadas a estar en silencio.  Sempre temos a radio posta, música...  Mais, non nos envolvemos de silencio. Temos medo de escoitar o que pensamos. Ás veces non nos atrevemos a escoitarnos a nós mesmas. Tal e como vamos todas con estas vidas frenéticas que levamos en xeral. 
Temos unha ansiedade vital que nos impide buscar momentos de paz e tranquilidade. Penso que o precisamos todos un pouco. Polo menos, a min faríame falla. 

—Onte realizaron talleres en dous institutos da cidade sobre a importancia de pasar tempo en silencio. Como foi a resposta da rapazada?
N.F.: Foi unha experiencia moi boa. Á parte falamos as dúas do proceso de creación que fixemos para chegar a realizar o álbum. Para min, foi unha reflexión sobre o meu propio proceso de creación, xa que nunca me parara a pensar como escribín o conto ou como me veu a idea. Foi moi interesante compartilo coa rapazada. Penso que lle gustou. Eles tamén teñen inquietudes e preguntas. 
A.F.: Sempre ofrecer ese diálogo entre quen recibe algo que ti creaches é moi enriquecedor. Só con que un dos rapaces ou unha das rapazas se formulara a idea de facer un conto, xa pagou a pena. 

—Vendo os bos resultados desta colaboración que fixeron entre as dúas, pensan en traballar xuntas nun futuro?
A.F.: Encantaríanos. Xa fixemos paralelismos fantasiosos de ser unha parella de autoras. Traballamos moi ben xuntas, aínda que a meirande parte do proceso fora por  separado. Houbo moita conexión entre as dúas. Foi moi bonito.

Comentarios