A Associação José Afonso recibe o premio á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona 2022 de aRi[t]mar

O xurado do aRi[t]mar ditaminou que a AJA é merecente do galardón xa que esta asociación cultural e cívica, non confesional, mantén vivo o legado da persoa e da obra do grande cantor e poeta José Afonso, quen sempre destacou as súas ligazóns, e as do pobo portugués, coa Galiza.
Mural en lembranza do Zeca Afonso no Burgo das Nacións de Compostela. (Foto: AJA Galiza)
photo_camera Mural en lembranza do Zeca Afonso no Burgo das Nacións de Compostela. (Foto: AJA Galiza)

O xurado do certame aRi[t]mar acaba de decidir que a Associação José Afonso (AJA) será a galardoada co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona 2022.

O xurado do aRi[t]mar ditaminou que a AJA é merecente deste galardón xa que esta asociación cultural e cívica, non confesional, mantén vivo o legado da persoa e da obra do grande cantor e poeta José Afonso, quen sempre destacou as súas ligazóns, e as do pobo portugués, coa Galiza.

De feito, a famosísima Grândola, Vila Morena, a canción que simboliza a loita do pobo portugués, e a de todos os pobos do mundo, pola liberdade foi interpretada por primeira vez na Galiza, nun concerto multitudinario celebrado no día 10 de maio de 1972, no Burgo das Nacións, en Santiago de Compostela.

A partir daquela data, José Afonso, coñecido como o Zeca, volveu en diversas ocasións para participar en diferentes concertos na Coruña, en Cedeira, en Vigo…, e tamén para se encontrar coas súas amizades galegas: Benedicto, Xico de Carinho ou Manuel María, entre outras.

A plena identificación do Zeca coa Galiza ficou reflectida nunha das súas declaracións máis coñecidas: “A Galiza é para mim umha espécie de pátria espiritual. Foi umha experiência maravilhosa. Algo especial. Talvez ninguém me entendesse como na Galiza”.

A AJA

A Associação José Afonso, nacida en Setúbal en 1987, pouco despois da morte do Zeca, despois de trinta anos de existencia e con quince núcleos activos por todo Portugal e na diáspora, conta tamén cunha delegación galega, a AJA Galiza, constituída co obxectivo de difundir os valores do Zeca Afonso na Galiza e promover, ao sur do Miño, a realidade social e cultural da Galiza, con numerosas actividades anuais por volta da figura do José Afonso.

Un recoñecemento para quen crea pontes entre a Galiza e Portugal

O Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona é un galardón outorgado por medio de resolución directa do xurado e pretende salientar o traballo daquelas persoas, institucións, organismos ou iniciativas que destacan por crear pontes de amizade, afectos e colaboración entre Galiza e Portugal, a prol da nosa cultura e lingua común galego-portuguesa.

A resolución dáse a coñecer na véspera do 25 de abril, data emblemática e de celebración da Revolução dos Cravos.

Comentarios