aRi[t]mar enche o Principal de Santiago para festexar a conexión entre a Galiza e Portugal

A gala contou coas actuacións da portuguesa A Garota Não e a galega Catuxa Salom 
As persoas premiadas e as autoridades que asistiron á gala, ao comezo do acto (Foto: aRi[t]mar).
photo_camera As persoas premiadas e as autoridades que asistiron á gala, ao comezo do acto (Foto: aRi[t]mar).

O Teatro Principal de Santiago de Compostela colgou esta sexta feira o cartel de completo para a celebración da gala aRi[t]mar que tivo lugar onte. Xisco Feixoo, Wilma Vieira e Lúa Mosquetera recolleron os seus premios por teren producido o mellor da música e a poesía na Galiza e Portugal durante o pasado 2021, un galardón que tamén logrou a fadista de recoñecida fama internacional Ana Moura, un premio que recolleu Vítor Belho, de Nordesía Producións.

 O proxecto educativo 'Ponte... nas Ondas!', que vén de ser incluído na listaxe de mellores prácticas da Unesco, recibiu, nas mans de Santiago Veloso e Esmeralda Carvalho, o Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona polo traballo constante en prol do achegamento entre as culturas das dúas beiras do Miño.

A gala estivo conducida por Isabel Risco, no seu papel de "Nabiza Girl", e Fran Rei, e contou coas actuacións de dúas artistas emerxentes de cadanseu lado da raia.

A setubalense A Garota Não e a galego-arxentina Catuxa Salom foron as encargadas de pór banda sonora a esta nova edición, na que Lúa Mosquetera e Wilma Vieira protagonizaron o apartado poético.

Na entrega de premios, estiveron presentes numerosas autoridades galegas e portuguesas, así como representantes doutras entidades colaboradoras como a Academia Galega da Lingua  Portuguesa, o Centro Cultural Portugués Camões de Vigo ou a Rede da Galilusofonía. 

'aRi[t]mar Galiza e Portugal' é un proxecto didáctico-cultural, desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago, que tamén conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela e da Deputación da Coruña, e que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegarse á cultura e á lingua dos dous países, no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía. Trátanse dos únicos galardóns da música e a poesía galego-portuguesas outorgados polo público de ambas as dúas beiras do río Miño. 

Lei Valentín Paz-Andrade

A Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) Valentín Paz-Andrade foi aprobada pola totalidade dos grupos do Parlamento da Galiza no ano 2014 logo de recibir o apoio de máis de 17.000 galegas e galegos.

Porén, a súa aplicación por parte da Xunta da Galiza foi cuestionada desde a súa aprobación e o Executivo galego acusado de falta de planificación e ambición. A norma busca aproveitar e estimular os vínculos entre a Galiza e os países de lingua portuguesa, facendo uso do potencial do galego para comunicarse cos 270 millóns de falantes de portugués que hai no mundo.

Comentarios