"Entre a Galiza e Portugal é sempre 25 de abril": actos para celebrar o 49º aniversario da Revolução dos Cravos

A AJA homenaxea, mais un ano, o levantamento popular do pobo portugués e unha das figuras máis representativas do momento, José 'Zeca' Afonso, quen sempre gardou unha especial relación coa Galiza.
Mural en lembranza do Zeca Afonso no Burgo das Nacións de Compostela. (Foto: AJA Galiza)
photo_camera Mural en lembranza do Zeca Afonso no Burgo das Nacións, en Santiago de Compostela. (Foto: AJA Galiza)

José 'Zeca' Afonso, unha das figuras máis representativas da Revolução dos Cravos como autor do popular Grândola, Vila Morena, defendía que Galiza "é un país diferente" de España, "cunha cultura propia e unha lingua semellante á nosa [portuguesa]". O Zeca tiña unha relación especial coa Galiza e foi na súa capital, Santiago de Compostela, onde interpretou por vez primeira o Grândola. Aquilo sucedeu o 10 de maio de 1972, no Burgo das Nacións.

Como cada ano, a Associaçom José Afonso (AJA-Galiza) organiza durante a vindeira semana o programa "Entre a Galiza e Portugal é sempre 25 de abril", como conmemoración do 49º aniversario do levantamento popular do pobo portugués e a figura mesma do Zeca. O pasado ano esta efeméride centrou as celebracións.

Alba María e Queco Díaz ofrecerán a próxima terza feira, día 25 (19 horas, praza de Cervantes de Santiago), un concerto con repertorio propio e de José Afonso que dará o disparo de saída a un amplo abano de actividades para todos os públicos.

Tamén tocará o dúo integrado por Aldara (violín) e Manu (guitarra), alumnos do Conservatorio de Música de Santiago, que se unen ao labor de formación e divulgación que impulsa a AJA-Galiza, e o acto fechará co canto colectivo do Grândola e cos caraveis en alto.

Ao día seguinte, á mesma hora mais no salón de actos da Facultade de Ciencias Políticas da USC, a AJA dará paso en colaboración con Erguer a un relatorio a cargo de José M. Lopes Cordeiro, profesor da Universidade do Minho, e Jaime Torres, membro de Canto d'Aquí, titulado "25 de abril de 1974, Golpe de Estado ou Revolución".

Xa a sexta feira, día 28, a Gentalha do Pichel acollerá o concerto "Instalados em Poltronas" (21.30 horas). E até o vindeiro 31 de maio ficará aberta ao público a exposición "Os cartazes do 25 de abril", tanto no IES nº1 da Estrada como no Instituto Camões de Vigo.

Todas estas actividades contan coa colaboración da Deputación da Coruña, Erguer, Instituto Camões e Gentalha do Pichel, "co afán de servir de ponte entre Galiza e Portugal co obxectivo de seguir a divulgar e de incrementar o coñecemento dunha figura tan transcendental na defensa da xustiza social como José Afonso", sinalan desde a AJA.

Encontro veciñal en Rianxo

A maiores dos eventos organizados pola AGA-Galiza, o próximo día 25 Barahúnda e Orjais —coa colaboración do Concello— convocan no Cuartel Vello de Rianxo (20.30 horas) o IX Encontro Veciñal para cantar o Grândola e conmemorar a revolución portuguesa. O acto está aberto a todas as persoas e non se precisa inscrición previa.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios