Máis

As antas do Valadouro

Patrimonio e natureza agochadas
a mariñalucenseturismo
photo_camera Anta de Santo Tomé do Valadouro na comarca da Mariña. (Foto: Turismo A Mariña Lucense)

No concello do Valadouro (comarca da Mariña) un enterramento funerario de orixe prehistórica, coñecido co nome de anta de santo Tomé do Valadouro, agóchase soterrado baixo a natureza. Así mesmo, este monumento responde, como vén sendo habitual noutras construcións deste tipo, a numerosas denominacións tales como Túmulo do Curro, Chan de Padorno ou Caselo do Couso.

Con catro ortostatos, pedras verticais sobre as que repousa a lousa da cuberta e que serven como paredes da construción, sostendo a pedra de cobertura, as lendas arredor desta anta son abundantes. Especialmente as vencelladas aos mouros e aos rituais de criaturas máxicas, un dos tópicos máis recorrentes na mitoloxía arredor deste patrimonio histórico.

As orixes desta construción localízanse entre o neolítico e o calcolítico (hai 6.000 ou 5.000 anos) e na contorna deste espazo é posíbel observar acumulacións de terra e pedras que poderían ter pertencido á carcasa ou coiraza pétrea que nalgún momento cubriu a anta. O corredor do túmulo, orientado cara ao leste, conecta coa cámara interior. Todo isto nun espazo de un metro e medio de altura, un tamaño condicionado pola lonxitude dos ortostatos, e 2,30 metros de largo por 1 metro de ancho.

Fragmentos de cerámica e cuarzo e musgo luminoso na cámara da anta do Valadouro

No interior da cámara localizáronse algúns achados que se identifican con até 20 fragmentos de restos de cerámica lisa e lascas de cuarzo. Esta anta en particular encóntrase medio soterrada no seu túmulo, o que implica que apareza cuberta de maleza que dificulta a súa visita.

Ademais, crese que ao primeiro nivel de coiraza rochosa o seguiría un segundo de terra marrón. No seu interior, ademais das descubertas dos restos de cerámica, é tamén posíbel observar unha especie de flora pouco común, un musgo luminoso coñecido popularmente como Ouro de trasno e que a nivel científico se cataloga co nome de Schistostega Pennata.

Cunha cor fosforescente de tonalidade verde, este musgo crece entre as paredes e o chan da cámara da anta, onde a escaseza de luz favorece o desenvolvemento desta especie inusual.

Comentarios