Máis

Restos da necrópole de Mos

A riqueza petrográfica da comarca de Vigo, lugar onde se localiza unha das antas de maior tamaño da Galiza. 
Dolmen_de_Meixoeiro_-_Mos_-_Pontevedra
photo_camera Anta de Meixoeiro no concello de Mos. (Foto: Lansbricae)

Na comarca de Vigo a historia en pedra aparece espallada polo lugar. Tanto é así que na zona coñecida como Val da Louriña, conformada polos concellos de Mos e O Porriño, máis de quince construcións megalíticas devolven o territorio ás súa orixes primixenias. Desde o Centro Cultural Mercantil até o miradoiro do Castro, pasando pola Pedra Cabalaria, a capela de San Cosme, Herville ou o Camiño de Paredes. Un sendeiro de pedras percorre o territorio.

Neste sentido, especial interese ten a anta de Meixoeiro. Aínda que é posíbel que non se recoñeza con esta denominación, pois son moitos os nomes que identifican a construción. Baixo o alcume de anta de Cela, de San Cosme ou das Minas; entre outros, o que si se ten por seguro é que esta estrutura está amparada baixo a consideración de Ben de Interese Cultural.

Localizado no interior dos terreos do Círculo Mercantil de Vigo (concello de Mos), este enterramento funerario formaba parte dunha necrópole de 12 monumentos dos que na actualidade quedan tan só os restos das pedras ciscadas pola contorna. A anta de Meixoeiro, un dos exemplos do patrimonio trasladado do seu espazo orixinal, construíuse hai máis de 5.000 anos e conta cunha cámara de 2 por 1,70 metros cun corredor curto e conservando sete dos oito ortostatos orixinais.

Desta forma, a falta dun destes piares verticais que sosteñen a lousa da cuberta implica que o monumento se atope aberto pola súa cara norte. A zona da Madroa é tamén fogar dunha ampla variedade de restos históricos, destacando especialmente a anta da Casa dos Mouros, na parroquia viguesa de Candeán. Edificada arredor do quinto milenio antes da era actual, estes restos neolíticos están catalogados como Ben de Interese Cultural, considerándose unha das antas mellor conservadas e de maiores dimensións da Galiza.

Cunha cámara poligonal, os seus cinco ortostatos alcanzan os dous metros de altura e, a pesar de ter sido saqueada con anterioridade, conserva a cuberta. 
No ano 2022, chegaron a descubrirse no seu interior puntas de frecha, pezas cerámicas e mesmo machados. 

Comentarios