Cinco anos de Rechouchíos en Moaña

O programa de lecer infantil do Concello de Moaña está a piques de facer cinco anos sendo un referente na comarca do Morrazo. Maxia, música, monicreques e máis percorren a vila ofrecendo actividades "de calidade e en galego" en todas as parroquias, chegando incluso a ter obra propia dos Bolechas.
Uxía Lambona e a Banda Molona nunha das actuacións máis multitudinarias dos Rechouchíos, antes da pandemia. (Foto: Aldán Santamarina)
photo_camera Uxía Lambona e a Banda Molona nunha das actuacións máis multitudinarias dos Rechouchíos, antes da pandemia. (Foto: Aldán Santamarina)

Segundo o Instituto de Estatística estatal, arredor de 2.700 dos pouco menos de 20.000 habitantes de Moaña, na comarca do Morrazo, teñen menos de 15 anos. A todas e todos eles se dirixen os Rechouchíos, o programa municipal de actividades infantís que fai cinco anos en novembro e por cuxos eventos puideron pasar varias veces as crianzas da vila, en base ao éxito de asistencia que está a obter a iniciativa da concellaría de Normalización Lingüística.

“Chío chío”, berra no inicio de cada actividade o edil da área, Aldán Santamarina. “Rechouchío”, retruca a cativada, e así até tres veces no particular ritual dunha programación “de calidade que busca dar recursos de lecer en galego ás nenas e nenos”, explica o edil, que forma parte do grupo político maioritario no Concello, o Bloque Nacionalista Galego, que goberna en coalición co Partido dos Socialistas da Galiza.

Todas as parroquias

“O interesante é que pasa por todas as parroquias, con variedade de lugares pero tamén de actividades”, asegura, describindo como cada programación (que agrupa dous ou tres meses) inclúe “maxia, música, teatro infantil, monicreques e contacontos”, ofrecendo boa parte das sextas feiras do ano unha alternativa de ocio familiar á que asisten unha media de entre 70 a 100 persoas polo xeral, un número que se duplica durante as sesións de maio e xuño no exterior, e que en actuacións determinadas pode chegar até 500 persoas, como no caso de Uxía Lambona e a Banda Molona, apunta Santamarina.

Amais, desde o Concello procuran seguir buscando unha maior accesibilidade nos actos, polo que en distintas sesións dos Rechouchíos hai intérpretes de signos, sinala o edil, especialmente nos contacontos, polo cal impulsaron os “signo chíos”, un apartado nas funcións no que aprenden cinco palabras en lingua de signos.

Como parte desta iniciativa, desde Normalización Lingüística propúñanse entregar uns cartóns con estas cinco palabras para coleccionar, e así fomentar ese coñecemento entre as e os participantes, mais a chegada da pandemia de Covid-19 fixo imposíbel continuar por esa vía e freou todo o programa.

Reactivación logo da Covid-19

Obrigadas a suspender a programación prevista co confinamento, os actos da última parte de 2020 tiveron que decorrer en liña e paralizarse de novo o primeiro trimestre deste ano. A pesar diso, os Rechouchíos foron quen de reactivarse e están a piques de rematar o seu 17º ciclo de actividades no primeiro lustro.

Moaña e os Bolechas

En 2018, o Concello de Moaña e a editorial Bolanda apostaron por unha colaboración que callou no libro Os Bolechas van a Moaña, de Pepe Carreiro, que vende directamente o consistorio na súa sede dixital.

Con todo, este verán o proxecto presentou a súa segunda parte con Xirarei cos Bolechas, que xuntou dez músicas e músicos relacionados coa vila para crear cinco temas con cadanseu audiovisual ao redor do libro, accesíbeis desde a web municipal, que van desde unha versión soul do Xirarei de Xil Ríos, até unha canción dedicada ás mariscadoras pasando por unha oda ao festival Intercéltico.

Coa coordinación de María Faltri e Jorge Juncal, encargadas tamén de desenvolver un dos temas, no proxecto colaboraron artistas como Anxo Lorenzo, a asociación María Fumaça, Magín Blanco, Wöyza ou un grupo de crianzas de Moaña coñecido como A Panda de Tirán.

Como colofón, Andrés Hermelo creou un videoconto coa voz da actriz Iria Pinheiro, narrando o libro dos Bolechas con tomas da presentación pública dos temas o pasado agosto. 
 

Comentarios