Contacontos do futuro

O certame 'Tíralle da lingua', desborda na súa maioría de idade

A participación desborda a XVIII edición do Concurso de Relato Oral Tíralle da Lingua, que ten lugar na mañá de 28 de novembro no Pazo de Feiras e Congresos de Santiago, con case 1.000 participantes.
O certame «Tíralle da lingua» na súa XVIII edición no Pazo de Feiras e Congresos (AS-PG)
photo_camera O certame «Tíralle da lingua» na súa XVIII edición no Pazo de Feiras e Congresos (AS-PG)

O XVIII Concurso de Relato Oral 'Tíralle da Lingua', organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), diríxese ao alumnado e profesorado dos centros de ensino para incentivar e normalizar o uso oral da lingua galega.

O certame organízase en tres categorías, que responden aos niveis académicos de primaria, primeiro ciclo de ESO e 4º de ESO / ensino postobrigatorio.

Como explica a Sermos Galiza Carme Vilariño, coordinadora do evento e integrante da directiva da AS-PG, cada centro desenvolve unha fase previa de selección das narradoras que chegan logo á final, que se celebra na mañá de 28 de novembro en Compostela.

«Este ano desbordounos totalmente, hai perto de 1.000 rapazas contando contos», conta Carme Vilariño

Aforo desbordado

A edición de 2019 chega á maioría de idade do «Tíralle da lingua», un evento xa consolidado nas axendas das escolas e institutos. «Este ano desbordounos totalmente, hai perto de 1.000 rapazas contando contos», conta Vilariño, cunha destacada afluencia de centros privados, que racha coa tendencia de certames anteriores.

Aínda que normalmente se viña celebrando no Teatro Principal de Compostela, a alta participación obrigou a trasladalo ao Pazo de Feiras e Congresos nesta ocasión, pois «o aforo non nos daba», comenta, por iso «tivemos que desdobrar en dúas salas».

Ante datos tan positivos, desde a organización non podes máis que expresar a súa ledicia. Vilariño destaca que «é unha satisfacción a implicación do profesorado», pois ten que facer un esforzo por garantir a participación destas novas contadoras.

Comentarios