“Os Bolechas fan unha banda” é o novo libro-disco que nace da factoría de Pepe Carreiro que vén de ser presentado na Coruña coa actuación de Pandeiromus e Álex Casanova. Para a nova aventura, os Bolechas conseguiron contar cunha “banda” moi particular, grandes nomes da nosa música actual, de Sés ao Sonoro Maxín, de Novedades Carminha a Ataque Escampe e de The Homens a Pandeiromus pasando por AID, Eladio y los Seres Queridos ou Álex Casanova que lle poñen música á particular familia creada por Pepe Carreiro.
O novo traballo inclúe, alén da aventura habitual da troupe de Bolechas, dez tema inéditos que foron creados por dez grupos e intérpretes da escena musical galega.
O produtor do disco e líder de Novidades Carminha, Carlos Pereiro lembrou que boa parte de músicos e músicas medraron coas cancións do Xabarín e agora conta con que este disco “sirva para facer o mesmo entre unha nova xeración de nenos e nenas de Galicia”. Optou por convocar con este fin a creadores e creadoras de estilos e ritmos diversos, co fin de que as crianza se podan achegar á variedade da música que se está a crear no país.
Tradicional con Pandeiromus, cumbia de O Sonoro Maxin, graxe-punk de Novedades Carminha, rock con Ataque Escampe e Sés, reggae da man de Transilvanians, power pop con The Homens, rap de Aid, pop con Eladio y los Seres Queridos e música electrónica de Álex Casanova compoñen a variada oferta musical de “Os Bolechas fan unha banda”.
A TVG, que emite a serie de monicreque sobre os personaxes de Pepe Carreiro, colabora no disco-libro así como Novacaixagalicia, entidade que colaborou tamén no espectáculo BrincaBolechas. Desta volta, unha porcentaxe dos beneficios irán parar a Arela, asociación que traballa no ámbito da infancia.