Andrea Costas reflexiona sobre a maternidade no MARCO de Vigo

Desapego está integrado por un conxunto de pezas (imaxes fotográficas, vídeos e instalacións) nas que a artista reflexiona sobre a experiencia da maternidade propia dende un punto de vista non idealizado, deixando constancia das contradicións e desafíos que supón esta oportunidade ofrecida pola vida para cuestionarse e medrar.
Andrea Costas Lago. Fotografía da serie Plena, 2021-2022. (Foto: cortesía da artista)
photo_camera Andrea Costas Lago. Fotografía da serie Plena, 2021-2022. (Foto: cortesía da artista)

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco), inicia a súa programación de 2023 cunha exposición de Andrea Costas Lago (Vigo, 1978) que baixo o título Desapego presenta un proxecto que reúne obras dos dous últimos anos: series fotográficas, vídeos e unha instalación específica na propia sala.

Artista e docente, Andrea Costas Lago desenvolve o seu traballo creativo utilizando linguaxes moi diversas (instalación, vídeo, performance), aínda que é máis coñecida pola súa obra fotográfica.

Toma de conciencia

Desapego é resultado dun proceso de investigación e traballo de varios anos: unha toma de conciencia sobre a maternidade, unha visión en primeira persoa a través da arte, afastada de convencionalismos e idealizacións, no ronsel da obra doutras mulleres como a poeta Adrienne Rich, as fotógrafas Ana Casas e Elinor Carucci ou a artista Ana Álvarez-Errecalde.

O proxecto está integrado por un conxunto de pezas (imaxes fotográficas, vídeos e instalacións) nas que a artista reflexiona sobre a experiencia da maternidade propia, dende un punto de vista non idealizado, deixando constancia das contradicións e desafíos que supón esta oportunidade ofrecida pola vida para cuestionarnos e crecer.

A súa orixe está no momento no que a artista decide ser nai, en 2008. Dende entón, e en especial co nacemento dos seus fillos, xemelgos, vive con intensidade un período novo, que absorbe atención e enerxía. Analiza a experiencia dende a súa condición de artista, anota situacións, recordos, detén instantes; non agocha as buscas, as dúbidas, o proceso. E ten claro que toda decisión formula interrogantes e implica consecuencias, tanto na vida coma na arte. 

Xestos detidos, imaxes delatoras coas que defende a súa condición de artista e muller, de artista e nai, a relación cos seus fillos, coa súa contorna, coa súa familia. Non busca o relato feliz senón sincero, nu, e deixa ver como felicidade e sufrimento están moi próximos e conforman a vida, o cotián. Sen evocar, cunha linguaxe directa, vencido o pudor de se amosar, sen adornos, sen maquillar a realidade. Analiza cada situación, cada paso, cada pensamento e intenta recordar o seu percorrido, ser fiel ao proceso, aos actos, ao vivido.

O soporte, formato ou dimensión de cada obra decídeo a situación: o relato conciso en vídeo, fotografías que sintetizan unha acción, unha serie que a describe, un obxecto simbólico, un mural que se expande e deixa ver as claves dun pensamento, o sentido dunha actitude.

Comentarios