Exposición 'Future Stories'

A arte do futuro asoma no Marco de Vigo

As preocupacións das novas xeracións de artistas poden verse agora na exposición 'Future Stories', no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, unha mostra na que a identidade, a memoria, a condición feminina, as fronteiras entre o dixital e o real, ou a preocupación polo medio natural protagonizan o discurso plástico.
'Relatos da memoria', da artista coruñesa Juncal A. Castro. (Foto: Pilar Yarza)
photo_camera 'Relatos da memoria', da artista coruñesa Juncal A. Castro. (Foto: Pilar Yarza)

Future Stories é un proxecto que permitiu ofrecerlle ao alumnado da Facultade de Belas Artes dez bolsas de 4.000 euros para o desenvolvemento de proxectos artísticos a partir dos seus Traballos de Fin de Grao. A convocatoria tamén prevía que os resultados se reunisen posteriormente nunha mostra colectiva nun espazo museístico de referencia.

Esa mostra inaugurouse o pasado 7 de outubro no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) e, baixo o título xeral do proxecto, Future Stories, permite albiscar onde teñen posta a mirada os artistas máis novos. Como era de esperar, as preocupacións son as máis características da creación actual: identidade, memoria, inquietudes ecolóxicas, a condición feminina, as fronteiras entre o real e o dixital...

A exposición mostra unha selección heteroxénea que non permite extraer denominadores comúns, mais que si faculta para ver as claves híbridas nas que as novas xeracións de creadores e creadoras interpretan a realidade: o mapa de influencias abrangue desde a personaxe de Heidi até Pipilotti Rist e Cindy Sherman, desde Velázquez e Cézanne até Rauschenberg ou Cy Twombly, desde Fernando Casás até Philip Guston.

Juncal A. Castro (A Coruña, 1999), por exemplo, mestura pintura e escultura para recuperar a materialidade dos obxectos que conteñen a nosa memoria, como unha forma de rexeitar a aceleración capitalista que desemboca na inmersión no mundo dixital.

Antía Encisa (Tebra, Tomiño, 2000) tamén sospeita da ambigüidade que esa inmersión no dixital pode provocar na percepción das identidades, elaborando un relato que combina diferentes perspectivas e que explora a dialéctica entre a mirada propia e a allea. Fuxir das etiquetas de xénero e habitar unha disidencia ante os prexuízos é unha preocupación compartida con Xoel Gómez López (O Porriño, 2000), que tira de autobiografía para interrogar os procesos que levan á creación dunha identidade.

Carmen Suárez Marcos (O Barco de Valdeorras, 2000) tamén se interroga sobre a identidade propia, mais afondando nas relacións coas mulleres que a rodean, tratando de esclarecer como esas conexións contribúen a formar unha subxectividade. Dun modo parecido, Elsa Bouzas (Santiago de Compostela, 2000) procura no universo doméstico os rastros da creación desa individualidade, ao tempo que crea unha metáfora sobre un sistema vivo e interconectado que alude a inquietudes ecolóxicas e sociais da máxima actualidade.

Tamén se relacionan coa idea de 'fogar', aínda que desde perspectivas opostas, as obras de Lucía Perdiz (Muíños, 1988) -que reflexionan sobre a mobilidade territorial, relacionada coa precariedade e a supervivencia- e de Raquel Álvarez Méndez (Vigo, 1998), que aborda o concepto de refuxio case desde un enfoque melancólico.

Sandra Gutiérrez Aldao (Vigo, 1996) parte da idea de que todas as mulleres da súa familia cultivan o seu propio xardín para introducir os aspectos máis sinistros do cotián. Desde a perspectiva contraria, Laura Cid Rascado (Vigo, 1999) mostra unha historia de busca da felicidade alicerzada nun modo de vida alternativo -case naif- baseado no despoxamento, na procura do simple e no contacto coa natureza.

A obra de César Souto (Pontevedra, 1992), dalgunha maneira, aglutina varios destes temas, conxugando a corporalidade, a memoria e a tensión entre mundo e subxectividade nunha pintura de gran formato na que a tensión entre o material e o simbólico resume, talvez, as contradicións ás que se enfrontan as novas xeracións.

Comentarios