Marcos Maceira: "Empregamos o Pico Sacro como espazo para reivindicarnos como nación e como pobo"

Desde hai 10 anos, no sábado previo ao Día da Patria Galega, as asociacións culturais O Galo de Compostela e Vagalumes da Estrada lembran Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e o seu discurso Alba de Gloria. Coordinado por Marcos Maceira, o libro De Compostela ao Pico Sacro recolle agora todos os discursos que se fixeron ao longo destes anos nesta celebración.
Desde 2014, Marcos Maceira é presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (Foto: Arxina).
photo_camera Desde 2014, Marcos Maceira é presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (Foto: Arxina).

Con que pretensións nace esta iniciativa?

No ano 2011, a AC O Galo e a AC Vagalumes realizamos, no sábado previo á celebración do Día da Patria Galega, unha actividade que consistiu na lectura do Alba de Gloria desde o Pico Sacro, inicialmente co obxectivo de conmemorar Castelao no 125 aniversario do seu pasamento. Déuselle continuidade, aínda que non sabiamos como ía ser a acollida. Agora, levamos dez edicións cunha gran participación, con moito interese na vida e na obra da súa figura e no coñecemento do país. Con ese motivo, decidimos editar as intervencións iniciais que deron lugar ao comezo da actividade cada un dos días que se realizou.

Que relevancia ten o Pico Sacro na cultura e identidade galegas?

A idea de levar a cabo esta celebración tamén naceu para conmemorar o Alba de Gloria e para lembrar a visita que fixo Castelao ao Pico en 1924 en plena ditadura, como maneira de reivindicar a existencia da nación galega. É o que nós facemos tamén cada ano cando subimos ao Pico Sacro. Trátase dun lugar que conta cunha gran presenza na mitoloxía e na historia galegas. Pola súa propia situación xeográfica é visíbel desde moitos lugares da Galiza, zonas que están moi afastadas entre elas, mais que, á súa maneira, tamén teñen este espazo como referencia. Mesmo Castelao o empregou como emprazamento desde o que desenvolver a Alba, o último dos seus grandes discursos.

Dúas asociacións de Santiago e da Estrada decidiron empregar este espazo como elemento de unión non só entre localidades, senón de todas as galegas e galegos. É un lugar con moita forza simbólica que empregamos como espazo para reivindicarnos como nación e como pobo.

Trátase, entón, dunha xornada única.

É precisamente o que queremos. Xa non como experiencia, senón como lugar de reencontro anual de moitas persoas de diferentes lugares que teñen en común que manteñen unha actividade constante en diversos colectivos. Máis concretamente, na Federación Galiza Cultura, que é quen aglutina a gran parte das asociación culturais do país, cando menos as que participan nesta xornada. Sérvenos como lugar de unión de todas as actividades que se realizan ao longo do ano, que manteñen a cultura galega viva a través do traballo diario dos colectivos e, ao final, é o grande espazo de difusión da cultura galega.

Por desgraza, case sempre se leva a cabo sen moito apoio oficial, mesmo desas institucións que teñen a obriga de amparar a cultura galega. É un traballo voluntarioso moitas veces, que se fai con moito esforzo. É o que fai que hoxe Galiza e a cultura galega sigan vivas. Válenos non só como experiencia, senón como punto de unión, arredor sempre da figura de Castelao como gran defensor da nación galega.

De non ser pola acción social, cre que Castelao sería unha figura máis esquecida?

Iso pasa coa cultura e co idioma galego, con case todo o que ten que ver coa Galiza. A lingua galega hoxe, se non houbese colectivos que a defendesen, desde A Mesa pola Normalización Lingüística a nivel nacional até colectivos a nivel local, como os que forman parte de Galiza Cultura, atoparíase nunha situación moito peor do que xa é. Castelao estaría absolutamente desaparecido. O pouco que coñecemos de nós, da nosa lingua e de todos os ámbitos que teñen que ver coa cultura galega é porque hai colectivos que o defenden e o manteñen a pesar das dificultades.

Por exemplo, nos eidos audiovisual ou musical, moitas iniciativas existen porque hai persoas detrás que fan ese traballo, moitas veces sen apoio institucional e, cando o hai, é porque se insistiu moito. É a batalla constante na que estamos inmersos para manter Galiza viva. Sen esa batalla, o pobo que temos nin sequera existiría.

Comentarios