O Pico Sagro acollerá este sábado a lectura do 'Alba de Gloria'

O vindeiro sábado, 23 de xullo, ás 12 horas, a Federación Galiza Cultura, da man das Asociacións Culturais O Galo de Santiago e Vagalumes da Estrada-Tabeirós Terra de Montes, organizará, como cada ano, a tradicional lectura do Alba de Gloria, de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, no cumio do Pico Sagro.

O Pico Sacro entre a néboa do val do Ulla.
photo_camera O Pico Sagro entre a néboa do val do Ulla.

“Con esta lectura lembramos a subida a este monte que en xullo de 1924 fixo Castelao cun grupo de amigos, algúns deles integrantes das Irmandades da Fala”, explica nun comunicado remitido aos medios de comunicación a Asociación O Galo de Santiago. 

Tal e como detalla o comunicado, o Alba de Gloria está considerado “un dos máis fermosos textos da literatura galega e do noso grande político e artista, téndoo escrito no seu exilio de Bos Aires”, onde residiu desde 1940 até o seu falecemento, con pequenos períodos en cidades como París. Ademais da lectura do célebre discurso de Castelao, O Galo e Vagalumes levarán a cabo un programa de actos ao remate da mesma.

Actividades

A xornada comezará ás 12 horas co acto de benvida a todas as persoas asistentes. Un recibimento que, nesta ocasión, correrá a cargo da escritora Adela Figueroa, diante da capela de San Sebastián. Posteriormente, ás 12.45 horas comezará a subida do último treito do Pico Sagro. A Asociación O Galo especifica que se trata dunha camiñada “doada de facer”. 

Unha vez no cumio, procederase coa lectura do Alba de Gloria de Castelao, izarase a bandeira galega e interpretarase o Himno Nacional. Durante o descenso, as persoas participantes poderán coñecer as lendas ao redor da cova da Raíña Lupa. 

Xa ás 14.30 horas, a carballeira do val do Ulla acollerá un xantar colectivo. Finalmente, ás 17.30 horas as persoas organizadoras desenvolverán unha visita guiada polo “patrimonio natural e construído” do concello de Silleda. Esta visita terá unha duración aproximada de dúas horas, segundo detalla O Galo de Santiago no comunicado.

11 anos de reivindicación

O ascenso ao Pico Sagro desenvólvese desde 2011 -ano en que se conmemorou o 125 aniversario de Castelao- o sábado previo ao Día da Patria Galega para reivindicar o carácter nacional da Galiza.

Desta maneira, O Galo e Vagalumes reproducen o percorrido de Castelao até o cumio en 1924 e ao que simbolicamente volveu, anos despois, cando escribía Alba de Gloria.

Comentarios