Máis

O Agrocuir enche a Ulloa de cor e festa

Desde onte e até hoxe o concello de Monterroso (A Ulloa) festexa a diversidade coa Romaría-Festival Agrocuir. Un proxecto que visibiliza as disidencias dentro do rural galego e festexa a liberdade a través dunha programación inclusiva e interdisciplinar. Todo isto nunha edición marcada pola procura de volver ás orixes e consolidar a sostibilidade da festa.
365228344_818647420175874_3258172940335484810_n
photo_camera Participantes na anterior edición do Agrocuir. (Foto: Agrocuir)

A festa da diversidade volve á Ulloa nun formato reducido. Despois de ver medrar o festival e reconsiderar as súas expectativas, o Agrucuir regresou onte e hoxe á vila de Monterroso (comarca da Ulloa) para seguir visibilizando cuestións tan importantes como a relación entre a tradición e as disidencias, a interseccionalidade dentro do colectivo LGBT+ ou a reivindicación do rural como un espazo seguro.

Como explica Adrián Gallero, membro da organización, en declaracións a Nós Diario, o festival comezou cun grupo de xente amiga que quería promover "unha celebración da diversidade sexual no lugar onde vivían". O que non agardaban é que "sen grandes expectativas nin maiores proxeccións", remataría por producirse un cambio de escala que implicaría "cada vez máis infraestruturas, orzamentos, lugares...". Este ano mudan o paradigma e volven cara atrás co obxectivo de manter a sostibilidade do evento.

Así, pretenden reducir o número de asistentes, o orzamento e os espazos ao tempo que se continúa promovendo unha festa aberta ao mundo para celebrar a existencia e as loitas que definen o colectivo LGBT+. É por isto que nesta oitava edición limítase a oferta gastronómica e poténciase o transporte colectivo, converténdose o proxecto no Festival-Romaría Agrocuir de Ulloa, pondo en valor as festas populares e facendo un chamamento a que as persoas asistentes xestionen o seu propio xantar. Algo co que procuran facilitar a organización.

No que ao transporte se refire,  non só se manteñen os autobuses gratuítos entre os tres espazos nos que teñen lugar as festividades e os concellos próximos de Palas de Rei e Antas de Ulla, senón que tamén se facilita a coordinación entre as asistentes para compartir vehículo até o lugar. Para iso, a organización ten dispoñíbel nas súas redes sociais un foro no que solicitar ou ofrecer transporte, conseguindo con isto aforrar custos de gasolina, evitar a contaminación e favorecer a relación entre as persoas que decidan achegarse até Monterroso.

Con esta nova versión do festival, a organización agarda aforrar enerxía para xestionar máis actividades ao longo do ano e orientar os seus esforzos a "facer máis cousas para a comunidade local". Malia todo, tomar esta decisión non foi doado pois existía o medo a "dicirlle á xente que necesitabamos frear o ritmo e decrecer", como explica Gallero. Uns temores que quedaron esquecidos ao convocar unhas xornadas colectivas nas que se "cuestionou o modelo de futuro do Agrocuir" e que permitiron que as organizadoras se sentiran "comprendidas e axudadas".

O obxectivo é apostar por un modelo descentralizado do Agricuir e que xurdan iniciativas semellantes noutros territorios

Con todo isto en mente, o obxectivo actual do proxecto é apostar por un "modelo descentralizado para que xurdan iniciativas semellantes noutros territorios", procurando impulsar unha rede que permita traballar "en lugares diferentes, con obxectivos comúns e realidades diversas", conseguindo maior impacto nas súas reivindicacións, como argumenta Adrián Gallero. Entre os valores que o festival busca promover, nos últimos anos veñen desenvolvendo varias guías e protocolos de accesibilidade para as persoas con diversidade funcional.

Para isto, o festival conta con intérprete de signos nalgunhas das actividades e palco especial para persoas en cadeira de rodas, maiores e persoas xestantes. Así mesmo, desde a organización proporcionan tapóns e espazos máis tranquilos en caso de que o ruído ou as aglomeracións poidan supor un problema para parte do público asistente. Tendo isto presente, existe a posibilidade de conseguir os denominados "pases sen espera", para poder evitar colas.

Na busca da inclusividade, todas as actuacións fan unha descrición da súa escenografía antes de comezar o espectáculo para facer partícipes do conxunto artístico as persoas con dificultades visuais. Todo isto  pensado como unha "aposta política" coa que o proxecto busca ser un espazo aberto para todo o mundo.

Aprender coa festa

A pesar de que o Agrocuir se mantén como un festival interdisciplinar no que todas as artes, así como todas as persoas, contan cun oco para partillar, é innegábel que os obradoiros xogan un papel especial na programación. Desde as formacións para aprender a facer o fío necesario para empregar unha impresora 3D con elementos reciclados até os debates sobre os roles de poder nas relacións non monógamas pasando pola reflexión sobre a relación entre lingua e sexualidade ou un contacontos musical para a rapazada.

O ecoloxismo, o antirracismo, a tradición ou a liberdade a través da danza son algúns dos principios que guían os obradoiros que se celebran hoxe  no Souto de Caracacho e entre os que se incorpora a novidade dun espazo autoxestionado. Desta forma, a organización procura fomentar a cooperación e a transparencia para que as persoas asistentes poidan propor os seus propios obradoiros e levalos a cabo. A música, o deporte ou as performances son algunhas das actividades que completan unha programación de acceso libre e de balde para seguir consolidando un proxecto accesíbel na diversidade.

Se onte o rap rural da artista de Cuenca Bewis de La Rosa, a mestura entre tradición e modernidade de Mondra, a performance de Nelu Vermouth ou a música da Dj multixénero Saya eran os protagonistas, hoxe é a quenda dos cantos de taberna, das pandeiretas das Lagharteiras, da drag Meiga-i e da noite de picadiscos a cargo dos DJ Nenaza e Neto do Rubio.

Con todo, as bases fundamentais do proxecto mantéñense estábeis e desde o Agrocuir seguen na procura de, como asegura Adri Gallero, "traballar a prol dun rural no que se poida vivir dignamente en todos os sentidos", desde cuestións simbólicas como a autoimaxe até condicións materiais como a custodia do territorio.

Todo isto nunha iniciativa que considera que a loita do colectivo LGBT+ debe integrarse en reivindicacións globais e sendo conscientes das "dimensións territoriais", procurando a defensa da natureza ou esixindo maiores oportunidades laborais. Unha posta en valor dun rural no que desde a organización consideran que "está moi integrado o respecto á diferenza" coa súa forma particular de definir as relacións. 
 

Comentarios