Mondra presentará o seu primeiro álbum na Capitol de Compostela

O primeiro traballo discográfico do cantareiro e bailador, producido por Berto e editado por Altafonte, publicarase o mércores 20 de setembro nas principais plataformas dixitais e tamén estará dispoñible en tendas físicas
Mondra (Foto: Zeltia Iglesias)
photo_camera Mondra (Foto: Zeltia Iglesias)

Mondra, unha das voces máis prometedoras da nova escena musical galega, presentará Ardēn (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro LP, sobre o escenario da Sala Capitol de Compostela o 29 de setembro. 

Cantareiro, bailador, instrumentista e compositor, Mondra é o cocreador, xunto con Berto, dalgúns dos temas máis coreados e escoitados este verán na Galiza, como é o caso de "Punheta!", no que tamén participa Fillas de Cassandra, ou Rumbambá.

Todos eles formarán parte de Ardēn, o seu álbum de presentación, unha proposta ambiciosa e reflexiva que salienta pola súa marcada identidade así como pola rebordante dimensión electrónica dun proxecto que dialoga coa música tradicional galega. 

 

Traballo conceptual

O disco é un traballo conceptual no que Mondra introduce ás ouvintes nunha terra que saúda a liberdade, os afectos e o amor. Tal e como sinala o creador, “en Ardēn hónrannos o orgullo de ser e a valentía de estar ardentes. Porque, por enriba de quen non nos quere libres, a folía segue a ser o noso espazo libertario. Fomos sepultadas, para furar dende o chan. Para, despois de todo, volver facer da folía un espazo onde troupelear”.

E este mesmo espazo libertario, esta folía das ardentes, é a que chegará o 29 de setembro á Sala Capitol na presentación pública de Ardēn. Será unha noite na que Mondra despregará unha proposta contundente, unha experiencia musical, visual e performativa na que, sobre o escenario, estará acompañado de convidadas especiais, todas e cada unha das partícipes no álbum que verá a luz o día 20 de setembro nas principais plataformas dixitais e que estará dispoñíbel nas tendas físicas. 

 

Comentarios