Impedir acceder aos festivais con comida e bebida e outras prácticas ilícitas: primeiro expediente aberto por Consumo

O Reggaeton Beach Festival, que esta fin de semana aterra en Nigrán, fica no centro da polémica após recibir o primeiro expediente sancionador do Ministerio de Consumo por prácticas abusivas como prohibir o acceso ao recinto con comida e bebida mercados fóra ou impor un sistema de pagamento con pulseira.
As promotoras non poden impedir entrar con comida e bebida aos recintos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As promotoras non poden impedir entrar con comida e bebida aos recintos. (Foto: Nós Diario)

Histórico precedente nun sector en auxe como é o dos festivais de música. O Ministerio de Consumo vén de incoar por vez primeira un expediente sancionador a unha empresa organizadora deste tipo de eventos en diversos puntos do Estado español por incluír, como cláusula obrigatoria, a prohibición expresa de entrada ao recinto do festival con comida ou bebida do exterior. O departamento dirixido en funcións por Alberto Garzón non precisou o nome da empresa organizadora do festival por "respectar a presunción de inocencia".

Esta decisión de Consumo chega días logo da presentación dunha serie de denuncias por parte de FACUA-Consumidores en Acción, que apuntaba aos promotores do Reggaeton Beach Festival. A asociación, perante un comunicado, adiantou que a empresa denunciada é DQG Norte AIE, organizadora deste espectáculo que ten lugar en máis dunha decena de municipios do Estado; entre elas, esta mesma fin de semana, Nigrán (comarca de Vigo).

FACUA denunciou o festival "por impor cláusulas abusivas que prexudican as persoas consumidoras, como restrinxir e impor cargos para recuperar o importe da pulseira cashless, cobrar polo reacceso ao recinto do evento ou limitar o acceso dos asistentes con comidas e bebidas do exterior".

Non aceptar diñeiro en efectivo e permitir unicamente o pagamento con pulseiras 'cashless' sería outra práctica abusiva

O Ministerio de Consumo, de feito, tamén está a investigar estas prácticas denunciadas por FACUA, como a imposición do sistema de pagamento mediante pulseiras cashless, non aceptando o diñeiro en efectivo. Ademais, a devolución e reeembolso da contía sobrante non se admite por baixo de 2 euros alegando os "gastos de xestión", que ascenden a 1,5 euros. Todas estas prácticas constituirían unha infracción ao seren consideradas "cláusulas abusivas", advirte Consumo.

Con todo, fontes da organización do Reggaeton Beach Festival aseguraron, en declaracións á axencia Europa Press, que "ninguén da empresa" ten constancia da sanción que lles impuxo esta cuarta feira o Ministerio de Consumo.

Multas que poden superar o millón de euros

Estas prácticas denunciadas poden chegar a considerarse segundo a lexislación vixente como infraccións graves ou moi graves, e sancionarse con multas de entre 10.001 e 100.000 euros, no caso das graves, e entre 100.001 e 1 millón de euros, no caso das moi graves.

E, de entenderse que o beneficio ilícito obtido polas prácticas infractoras supera as citadas contías, as sancións poderían alcanzar até entre catro e seis veces o beneficio ilícito obtido, para as infraccións graves, e entre seis e oito veces o beneficio ilícito obtido, no caso das moi graves, lembra o Ministerio no seu comunicado.

Comentarios