A diversidade no rural atopa como referente o festival Agrocuir da Ulloa

O festival contará neste formato máis reducido con menos espazos. Polo escenario principal, que estará instalado na praza do Froito, pasarán artistas do panorama estatal e galego.
Presentación en San Marcos do Agrocuir
photo_camera Presentación en San Marcos do Agrocuir.

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, presentou onte no Pazo de San Marcos, xunto aos representantes do Colectivo Agrocuir, Marta Álvarez Quintero e Marc San Barón, a oitava edición do Festival-Romaría Agrocuir, que sitúa a comarca da Ulloa, do 25 ao 26 de agosto, como referente na reivindicación da diversidade sexual e de xénero no rural. 

 Agradeceu o traballo que está a facer o colectivo da Ulloa “por conseguir que Monterroso, a comarca da Ulloa e a provincia de Lugo sexan un referente pola igualdade e na loita polo rural”. Deste modo, o que nacía como un evento cultural hai máis dunha década por iniciativa dun grupo de amigos da Ulloa, incidiu García Porto, “é hoxe un referente en todo o Estado en defensa da liberdade e pola sostibilidade da vida nas aldeas”. 

Así mesmo, loou a Deputada provincial a decisión da organización de moderar o crecemento que estaba a experimentar o evento, que se celebrará cun formato máis pequeno, regresando ás súas orixes de romaría. 

 

O Festival-Romaría Agrocuir 2023 contará nesta nova edición máis reducida cun formato con menos espazos. Desde a organización, destacou Marta Álvarez Quintero, membro do colectivo Agrocuir, que quixeron "decrecer porque viamos que o éxito dos anteriores anos estaba a poñer en risco a sostibilidade da comarca". "O festival volve a ser unha verbena, tal e como reflexa o deseño do cartel", explicou Quintero.  

Neste senso, o escenario principal estará instalado na praza do Froito, e por el pasarán artistas do panorama estatal e galego

O rap rural da artista de Cuenca Bewis de La Rosa, a mestura entre tradición e modernidade de Mondra, a performance de Nelu Vermouth e a música da Dj multixénero Saya serán os protagonistas do día 25, mentres que os cantos de taberna, as pandeiretas das Lagharteiras, da drag Meiga-i e a noite de picadiscos a cargo dos DJ Nenaza e Neto do Rubio formarán o programa do sábado 26. 


 

Comentarios