Novo himno do Celta

As Lagharteiras: "Demostramos que con pandeiretas pode facerse música marabillosa e con sons fortes para un estadio"

A 'Oliveira dos cen anos' forma xa parte indisolúbel da historia do Real Club Celta e neste himno xogan un papel protagonista as voces e as pandeiretas das Lagharteiras. Conversamos cunha das súas integrantes Tamara Costas Caamaño, sobre a súa participación na peza coordinada por Antón Álvarez 'C. Tangana' e o que supuxo para elas esta experiencia.
Tamara Costas Caamaño é unha das integrantes das Lagharteiras de Mos. (Foto: Captura do videoclip 'Oliveira dos cen anos')
photo_camera Tamara Costas Caamaño é unha das integrantes das Lagharteiras de Mos. (Foto: Captura do videoclip 'Oliveira dos cen anos')

-Rematou a espera e o celtismo -e o mundo enteiro- xa coñece a Oliveira dos cen anos, o himno que celebra os cen primeiros anos de vida do Real Club Celta e no que vostedes, as Lagharteiras, xogan un papel protagonista. Como valoran o resultado final?
Valorámolo moi positivamente. Nós, que estabamos dentro do proceso e que sabiamos máis ou menos como ía ser o tema, cando vimos o resultado final flipamos. Como pandeireteiras admirámolo, foi marabilloso. Sabiamos en que consistía o himno, e sorprendeunos igualmente. A todos, porque supuxo mesturar tantas cousas, tan distintas, nun só produto... e que saíse ben. Tanto a canción como o videoclip foron increíbeis.

-Foi un proceso longo do que participaron moitos e moitas artistas. Cando comezou a súa andaina no proxecto?
Fómolo facendo todo por partes, progresivamente. Empezamos a principio de ano e pasamos por diferentes fases, o primeiro foi gravarmos as nosas voces e máis adiante, cara o final, chegou o videoclip. O que [Antón Álvarez 'C. Tangana'] fixo moi ben, alén de ter un equipo marabilloso, foi formar con todas nós e coa propia afección un equipo marabilloso, conseguir que funcionásemos e que nos coordinásemos tan ben para facer o himno.

A primeira parte da 'Oliveira dos cen anos' é unha cantiga tradicional, levámola catando moitos anos. Sentimos o himno como unha parte de nós

-Unha das principais impresións do público é que o himno ten moita personalidade, que é moi diferenciábel de todos os demais.
Si que a ten. Nós identificámonos moito co himno, porque a cantiga que cantamos é tradicional e a primeira parte levámola cantando moitos anos da nosa vida: "Oliveira dos cen anos, cría raíces de prata, tomar amores non custa, olvidalos si que mata". Cantámola desde sempre, e ten todo o sentido do mundo no himno, pois esas raíces son como a música, esa música que queda con nós, que perdura no tempo. Xa o dicía na presentación Pucho [C. Tangana], que este himno é parte de todos e todas. E así o sentimos, como unha parte de nós.

O que máis me sorprendeu é que non chegou aquí a facer unha canción ao tolo, senón que previamente investigou moitísimo. Antes de comezar o proceso foi onda as señoras maiores a aprender como tocaban e que tipo de música facían. E cando contactaron con nós sabían perfectamente quen eramos, que tocabamos, que esperaban de nós... Coñecíanos perfectamente. Realmente, hai un traballo de fondo enorme e penso que temos moito que agradecerlle, porque foi capaz de facer maxia con moitas cousas distintas que non era fácil unir.

Cando dixo que quería meter pandeiretas nós non tiñamos claro como poderían integrarse nun himno de fútbol, mais viu que con latas, tixolas, sachos ou pandeiretas podías facer tamén música marabillosa para calquera estadio, con sons fortes. E nós, moi orgullosas.

-A parte central do videoclip gravouse nos arredores da ponte de Rande, que lembra daquel día?
Cando chegamos a Rande a gravar foron colocándonos a todos. Empezaron con algunhas tomas dos seareiros, que estaban moi metidos no tema, e nós no momento no que entramos fomos cun pouco de medo, porque chegabamos un pouco 'frías' ante centos de seareiros berrando... Mais foi chegar alí e, en canto tocou a nosa parte, el [C. Tangana] tirou do carro, e os seareiros con el. En medio segundo estabamos no medio de centos de persoas dándoo todo. Ten moito tirón coa xente.

-Centos de seareiras e seareiros con bufandas, bengalas, cánticos habituais de Balaídos... E aí, no medio, estaban as Lagharteiras facendo a súa música. Como foi a experiencia?
Eu non era consciente da magnitude do que había alí montado, estaba todo tan controlado e organizado que foi rodado. E a xente, os seareiros, eran moi respectuosos: cando llo pedían, dábano todo, e cando tocaba parar, paraban.

Nós somos pandeireteiras, estamos orgullosas do que facemos e queremos seguilo facendo. Penso que C. Tangana foi capaz de facer do noso unha parte importante do himno; desde logo, nós sentímonos unha parte fundamental, aí, en medio de todos os seareiros. Foron capaces de entender perfectamente que facemos e que papel xogabamos alí.

Tamara Costas, nun momento da súa interpretación.
Tamara Costas, nun momento da súa interpretación.

-Son conscientes de que, grazas ao himno do centenario, vostedes xa forman parte tamén da historia do Celta?
Estamos moi orgullosas de formar parte desta historia. Se somos conscientes? Pouco a pouco. Cando espertamos hoxe [pola sexta feira, cando se publicou o videoclip] foi tremendo... Eu quedo con que coñecemos moita xente marabillosa, fixemos un traballo marabilloso e levamos novas experiencias e sensacións. E a seguir co noso, que vale moito. Demostramos que podemos facer cousas igual de grandes, e que van ser valoradas tamén a nivel internacional, da mesma forma que en calquera outro sitio do planeta.

-O himno, de feito, está a ter xa unha enorme repercusión non só na Galiza, senón en diferentes partes do mundo. Lémbrame un pouco ao 'fenómeno Tanxugueiras' do pasado ano, cando outro trío de pandeireteiras ficou ás portas de entrar en Eurovisión.
As Tanxugueiras deron un empurrón enorme á música galega nese momento e nós agora, dalgunha maneira, probabelmente seremos capaces co himno de chegar a outros sitios. A sensación de orgullo é a mesma. Pero o máis bonito foi que eu sentín que lle gustou aos nosos e que está gustando fóra tamén. Evidentemente hai críticas de todo tipo, pero quedamos con iso, que semella que gustou en todas partes. Estamos moi contentas, para nós foi unha experiencia única.

Comentarios