A Coruña analiza a diversidade sexual na música tradicional

Actuacións e palestras organizadas pola Deputación da Coruña darán continuidade á campaña 'Liberdade de ser e sentir'. 
Mercedes Peón e Berto participarán na xornada (Foto: Nós Diario).
photo_camera Mercedes Peón e Berto participarán na xornada (Foto: Nós Diario).

A área de Igualdade da Deputación da Coruña que dirixe a deputada María Muíño dá continuidade á campaña 'Liberdade de ser e sentir' que tradicionalmente realiza en xuño con motivo do Día das Diversidades Sexuais, e faino cunha xornada sobre o colectivo LGBT na música tradicional e o rural da Galiza. 

O evento, dado a coñecer onte, terá lugar o 17 de xuño baixo o epígrafe 'Correr e Cantar', e forma parte dun proxecto máis amplo titulado 'Rural e tradición, un fogar en igualdade', comisariado por Sergio Marey, que busca amosar a realidade deste colectivo nas aldeas e na cultura do país. 

Mesas redondas e música

A xornada comprenderá relatorios, mesas redondas, concertos, contadas e rematará cunha foliada. Abrirase coa presentación e mostra de resultados dunha recollida feita polo propio comisario, Sergio Marey, xunto a Atenea García, na zona de Bergantiños para coñecer a realidade do colectivo nesta comarca.

O día continuará cunha mesa redonda, 'Creación contemporánea desde a tradición', moderada por Mercedes Peón, que contará con artistas como Berto, Meiga-i, Eva Outeiro de Toma a Terra, Gabi Reboredo, O Rabelo e Olalla Liñares de Oîma. Pola tarde decorrerá outra mesa redonda, titulada 'A muiñeira, unha bandeira LGBTIQA+', moderada por Diego Salgueiro, na que participarán diferentes persoas LGBT vinculadas á música tradicional e ao rural que falarán da súa experiencia e realidade  nestes ámbitos.

A continuación, terá lugar unha contada para adultos de Atenea García, titulada 'Vicio houbo sempre', á que seguirá Noemi Basanta, integrante das Adufeiras de Salitre e Doutora en Filoloxía Galega, intervindo sobre ideoloxías e posicionamentos de xénero no baile e a música tradicionais galegas. 

O evento rematará coa actuación das Tocadoras da AC Raigañas de Cerqueda (Malpica, comarca de Bergantiños), que cantarán coplas de temática LGBT dun libro que sairá en vindeiras datas dentro deste mesmo proxecto.

Comentarios