Contracultura

Eva Mejuto, autora do relato 'Trini': "A Trini teríalle feito ilusión esta homenaxe"

O caderno de verán Máis, que acompaña Nós Diario, achega desde esta terza feira ao sábado o relato inédito Trini que Eva Mejuto escribiu en exclusiva para este xornal. A través de cinco entregas, Mejuto relata a vida da activista LGBT+ Trinidad Falcés nun relato de estilo monologal que nace a través da transformación emocional dunha serie de entrevistas.
7 Eva Mexuto
photo_camera A escritora Eva Mejuto afonda no relato que desde hoxe ao sábado se poderá ler no caderno 'Máis'. (Foto: Distrito Xermar)

—Como xorde a idea de transformar as entrevistas á activista LGBT+ Trinidad Falcés nun relato?
As conversas que tiven con Trini foron feitas para o libro Memoria Diversa e sempre me quedou a sensación de que a vida de Trini, e a relación que se estabeleceu entre Trini e eu, daba para moito máis. Estiven con ela moitísimo tempo e rematamos tendo unha relación afectiva moi íntima. Os propios encontros nos que tiñamos as entrevistas eran tamén moi particulares.

Quedábanme moitas cousas por dicir e cando me propuxeron facer este conto tiven clarísimo que tiña que falar disto. Dalgunha maneira este relato reflicte a personalidade de Trini xusto no cabodano da súa morte e iso paréceme unha homenaxe que lle tería feito ilusión.

—Como se transmite esta relación que tiña con Trinidad a través do texto?
Cando escribín Memoria Diversa tiven que coller as entrevistas e darlle unha estrutura lóxica. Neste caso eu procuraba reflectir a frescura, a personalidade, a súa voz... A min Trini non me contou moitas historias até que colleu confianza e se decatou de que tiña interese nela. Dá a sensación de que me puxo a proba. A voz de Trini alterna o relato testemuñal con cuestións máis persoais e eu intentei manter os dous planos, o da vida e o das emocións, así como a súa relación coa xente doutras xeracións. Ela non me quería contar todo porque quería que volvera, o que lle pasa a moitas persoas maiores que o que precisan é compañía. 

Os maiores do colectivo LGBT+ sufriron moitísima represión e forxáronse personalidades moi rexas. No caso de Trini, ela rematou nunha residencia e non sabía se o resto dos maiores ían entender a súa vida. Como sociedade temos como conta pendente atender as persoas maiores, especialmente as do colectivo LGB+T. Temos a necesidade e o deber de devolverlle parte da dignidade que se lles roubou.

—O estilo monologal implica a ausencia de descricións, mais potencia a linguaxe.
Si, precisamente. Como a parte narrativa estaba contada nas entrevistas, eu quería que quen non as lera soubera da primeira manifestación en Barcelona, dos cárceres para o colectivo LGBT+... Mais o que de verdade quería era entendelo meténdose na pel. Máis que dar datas, interesábame sentir. O maior esforzo que fixen na escrita foi trasladar esa emoción.

—Que representa Trini na loita do colectivo LGBT+?
Para min supuxo achegarme a unha historia que eu coñecía moi superficialmente e, sobre todo, creo que me axudou a ter unha perspectiva interesante da necesidade de retomar os fíos das persoas que iniciaron o movemento LGBT+ na Galiza. Foi un choque emocional moi forte porque foi enfrontarme a unha lección de historia.

—Non é a súa primeira obra de temática LGBT+. Que papel xoga a literatura na loita do colectivo?
Moitas e en distintas fases. Á xente LGBT+ axúdalles a saber que hai máis persoas como elas e á xente que non é do colectivo, a ampliar a súa visión do mundo e a empatizar. A historia de Trini axuda a dar a coñecer a través dunha voz individual unha historia que nin está nos libros de texto nin se dedicaron a investigar desde a meirande parte dos colectivos de memoria histórica. A literatura, a través da vivencia individual, ten voz para contar a historia dun país, dun movemento, da inxustiza e do silencio.

—Durante o relato apréciase en Trinidad o paradoxo do cansazo e a busca de alguén con quen falar. A que cre que se debe isto?
Falar de como es humillada, maltratada e do mal que o pasaches é moi duro. Eu creo que ela non quería unha persoa que lle fora facer unha entrevista e ao día seguinte marchara, o que quería era compartir. Ela viña dunha vida complicada, cunha saúde difícil... Por unha parte estás farta do mundo e, por outra, necesitas afecto.