"Para actuar, a persoa ten que se desdobrar e finxir, e eu nunca gostei moito de finxir"

Lenda viva do cinema, Isabel Ruth (1940) traballou cos principais directores portugueses do pasado e segue a ser unha figura de referencia no presente. Achegouse ao Curtas Vila do Conde para a estrea de Estações da Vida: Vento da Desordem de Tomás Baltazar e iso facilitou esta conversa cunha das mellores actrices do mundo.
Isabel Ruth (Foto: Cedida).
photo_camera Isabel Ruth (Foto: Cedida).

Como foi a súa chegada ao cinema?

Nunca pensei en ser actriz de cinema nin de teatro, porque a miña vocación dende moi pequeniña foi a danza e a música. Eu era bailarina clásica, aparecín na televisión varias veces como bailarina e tamén nalgúns filmes da RTP, o Paulo Rocha viume e convidoume a facer Os Verdes Anos (1963). Viu un rostro que lle gustou, eu era moi moderna na época, tiña unha aparencia moi nouvelle vague. 

A rodaxe foi fácil, porque practicamente nós eramos amadores, en sentido literal, persoas que aman o que fan. Paulo tiña unha postura sempre moi pacífica e pasou o filme todo a contarme aquelas historias lindísimas do Xapón, que ouvía con moito pracer. Eu non estaba habituada a representar o texto, achaba aquilo todo moi estraño, e había cousas que non quería facer, dicía “eu iso non o digo, iso non o fago”, e el encontrábao gracioso. 

Fun o máis natural posíbel, naquela idade tiña un rostro bonito e calquera cámara que me filmase eu ficaba ben. Eu aínda prefiro Mudar de Vida (1966), aí xa tiña máis consciencia de representar e estaba máis a gusto.

Gústalle representar, ser actriz?

Eu era unha persoa moi tímida e nunca tiven interese en representar, de verdade. Mesmo na escola sempre tiven moita máis aptitude para a ximnasia e a danza e non ía moito para a literatura nin para a poesía. Mais a danza en si tamén é moi poética, non é? A danza e a música son poesía pura, fan parte do noso instinto. Para actuar, a persoa ten que se desdobrar e ten que finxir, e eu nunca gostei moito de finxir, por iso cando actúo son máis eu mesma. 

Non me considero unha actriz, nin son fanática do teatro. Eu non son fanática de nada. Son fanática da felicidade e do benestar, que é o desexo da beleza, do estar ben na vida, da xenerosidade, da humanidade, do humanismo... Iso si, iso é o que me interesa.

Nos anos 70 estivo ausente do cinema.

Estiven practicamente dez anos fóra. Nos 60 fixen cinema e teatro en Italia e co diñeiro que obtiven por unha ficción de Roberto Faenza merquei unha carrinha equipada con cociña e fun con ela a Paquistán, até Lahore. Fun á India, a Katmandú, vivín en Roma, en Ibiza... 

Nesa altura non facía fotografías, así que todos os recordos están na cabeza. Moita xente dime que debería escribir unhas memorias, mais sinto que escribir é un sufrimento. Na miña vida pasaron moitas cousas marabillosas, sorprendentes, misteriosas... mais tamén houbo fases con moito sufrimento e penso que se escribise iso eu sufría e non quero. 

Foron anos moi bos, dunha gran liberdade, de aprendizaxe; tiña que percorrer aquel camiño para ter consciencia de certas cousas, para eu me descubrir. 

Dei a volta ao mundo dentro de min e acá estou eu finalmente. Voltei a Portugal porque pensei que aquí podía ser moi útil. Non tiña intención de facer cinema, ningunha, mais en canto comprenderon que estaba no país a Isabel d’Os Verdes Anos, a partir diso fixen máis de 70 filmes.

Traballou con practicamente todos os grandes nomes do cinema portugués e aínda hoxe hai cineastas novos que queren traballar con vostede.

Moitos realizadores queren inventar cousas para min e aproveitar que agora aínda estou viva. Nunca pensei chegar á idade que teño, 83 anos. Vanme buscar “antes que ela morra” [entre risos]. Mais xa non fago todo o que me propoñen, agora xa podo darme o gusto de dicir que non, porque tamén estou máis estábel na miña vida. 

Rexeito cousas do tipo “facer de avoa”, non, non quero. Coa Catarina Ruivo fixen unha curta moi doce, Boa Noite (2021); agora ben, avoas doentes con alzheimer, non, eu non fago.

Comentarios