30 castelos e torres para descubrir un reino: o coleccionábel que agasalla 'Nós Diario'

Os castelos e torres forman unha parte importante do patrimonio histórico artístico galego. Por este motivo, e baixo a autoría e asesoramento de ducias de persoas especialistas, 'Nós Diario' publicará “30 castelos e torres galegas para descubrir un reino”, un coleccionábel extraordinario, editado para celebrar os 1.000 números do diario, que valoriza o legado e a contorna ambiental destas construcións singulares.
Algúns dos castelos e torres que recolle a publicación. De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Torre de San Sadurniño (Cambados); Castro Candaz (Chantada); Castro de Ouro (Alfoz); Castelo de Soutomaior; Castelo de Vimianzo e Castelo de Naraío (San Sadurniño).
photo_camera Algúns dos castelos e torres que recolle a publicación. De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Torre de San Sadurniño (Cambados); Castro Candaz (Chantada); Castro de Ouro (Alfoz); Castelo de Soutomaior; Castelo de Vimianzo e Castelo de Naraío (San Sadurniño).

Desde o 14 de outubro, Nós Diario porá a disposición das persoas lectoras un coleccionábel extraordinario: 30 castelos e torres galegas para descubrir un reino, coordinado polo enxeñeiro técnico naval e investigador Héitor Picallo Fontes e coa autoría e asesoramento das estudosas e estudosos máis recoñecidos do ámbito. A publicación terá 32 entregas de 16 páxinas cada unha, a toda cor, grampada e en gran formato e acompañará o diario de terzas a sextas feiras, desde o día 14 de outubro.

Trátase do punto de partida para a celebración do número 1.000 de Nós Diario, próximo a chegar. Unha maneira de agradecer o apoio das persoas que fan posíbel este medio de comunicación e de convidar outras moitas a se sumar para garantir o futuro do diario. Tamén se porá a disposición das persoas que así o desexen un cartafol feito en cartolina para conter e conservar o total das 512 páxinas que compoñen o coleccionábel, cun custo adicional previa reserva. Aliás, as persoas subscritas en dixital disporán do acceso aos fascículos na súa versión en liña.

Nas 32 entregas, que se publicarán de terza a sexta feira desde o 14 de outubro até o 28 de novembro, afondarase nos recintos fortificados máis sobranceiros do patrimonio arquitectónico e histórico galego, sinalando ademais a necesidade da conservación ambiental da contorna máis próxima a eles así como de promover un turismo cultural e de calidade. Se ben as torres e castelos tratadas neste coleccionábel están enmarcadas entre os séculos X e XV, algúns destes conxuntos teñen orixes anteriores ou ben foron sufrindo modificacións ou reconstrucións en épocas posteriores. Os contidos e estrutura de cada un dos fascículos permitirán unha comprensión doada de acontecementos relevantes, figuras fundamentais relacionadas cos inmóbeis e aspectos vencellados á arquitectura civil e medieval galega.

“É importante coñecer este patrimonio histórico-artístico para sermos conscientes do valor que ten e para sermos coherentes cunha protección absoluta do legado arquitectónico que nos é entregado e do que debemos velar”, expón Picallo.

Autorías

Alén da coordinación desenvolvida polo enxeñeiro, o proxecto tamén conta cun equipo redactor procedente de diversos ámbitos conformado por Alexandra Cabana, especialista en Paleografía e Historia Medieval; Antonio Castro, licenciado en Xeografía e Historia e especializado en Arqueoloxía; Rubén Fernández, técnico superior en Conservación de Patrimonio; Mercedes Vázquez Bertomeu, doutora en Historia e compoñente de Dehistoria S.L.L.; Miguel García Fernández, licenciado en Historia e especializado en Medieval e Moderna; Antonio González Millán, director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal; Suso Vila, doutor en Historia da Arte; Alexandre Peres Vigo, licenciado en Humanidades e profesor na Universidade da Coruña (UDC) e Xosé Mª Lema, doutor en Historia da Arte, patrón numerario do Museo do Pobo Galego e correspondente da Real Academia Galega (RAG).

Tamén son autores dos textos Andrés López Calvo, doutor en Teoloxía e membro do consello de redacción da revista Cátedra; Antón Xosé Meilán, doutor en Filoloxía Románica e profesor emérito e honorífico da Universidade de Oviedo; Xosé Manoel Sánchez, doutor en Historia Medieval e profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC); Pilar Rodríguez, doutora en Historia e compoñente de Dehistoria S.L.L.; Bruno Rúa, licenciado en Filosofía e guía turístico; Carlos Varela, licenciado en Xeografía e Historia, doutor en Filoloxía Galega e membro correspondente da RAG; Mateo Fontán, licenciado en Historia e especializado en Arqueoloxía, Prehistoria e Historia Antiga; Paula Vázquez Verao, graduada en Historia e dinamizadora cultural; Damián Porto, doutor en Historia Moderna e técnico documentalista no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago, e Sindo Mosteiro, licenciado en Historia.

Comité asesor

Para Picallo, se ben estes “son traballos divulgativos, escritos de maneira que as persoas alleas a este campo poidan adquirir coñecementos, tamén son rigorosos desde o punto de vista técnico. As informacións que se fan dentro destes fascículos están contrastadas. É un traballo complexo porque nunca imos sabelo todo dunha estrutura, mais estamos indo ás fontes documentais primarias en vez de quedar só co que se conta en libros, polo que todas as afirmacións que se fan tamén intentan achegar información novidosa e revisada”. 

A redacción do coleccionábel tamén conta cun equipo asesor, de prestixio internacional, que colabora resolvendo as dúbidas que xorden durante o desenvolvemento do mesmo. Adolfo de Abel Vilela, enxeñeiro técnico agrícola e doutor en Historia; Carlos Baliñas, doutor en Historia e profesor na USC; Xosé Carlos L. Bernárdez, licenciado en Xeografía e Historia; Alexandra Cabana, doutora en Historia e especialista en Paleografía e Historia Medieval; Xosé-Henrique Costas, doutor en Filoloxía Galega e profesor na Uvigo; Simon Doubleday, doutor en Historia Medieval e profesor en Hofstra University (Nova York); Anselmo López Carreira, doutor en Historia e comisario científico do I Congreso Internacional sobre o Reino Medieval de Galicia; Felipe-Senén López Gómez, licenciado en Filosofía e Letras, ex director-conservador do Museo Arqueolóxico da Coruña e supervisor nas prospeccións arqueolóxicas do Castro de Viladonga (Castro de Rei); Damián Porto Rico, doutor en Historia Moderna e arquiveiro no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago e Manuel Vilar Álvarez, director do Museo do Pobo Galego, fan parte do comité.

Comentarios