'30 castelos para descubrir un reino'

Alexandra Cabana Outeiro: "Obras da intensidade deste coleccionábel de 'Nós Diario' non son habituais"

A especialista en Paleografía e Historia Medieval Alexandra Cabana Outeiro asina tres das entregas do coleccionábel 30 castelos e torres galegos para descubrir un reino que acompañarán Nós Diario a partir deste sábado, 14 de outubro e fai parte do consello asesor da publicación. Conversamos con ela sobre os retos deste importante patrimonio histórico.
A profesora Alexandra Cabana Outeiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A profesora Alexandra Cabana Outeiro. (Foto: Nós Diario)

—Cal é a importancia de valorizar os castelos e as torres da Galiza nun traballo como o que publicará Nós Diario?
A importancia é moita porque gran parte do noso patrimonio está coñecida de maneira circunstancial e pouco homoxénea, algo que ten que ver cos intereses particulares dalgunhas zonas. Porén, iniciativas coma esta, que son máis xerais e de ámbito nacional, axudan a facer unha imaxe moi real do que foi o pasado. Abarcamos cada unha das trinta publicacións cuns criterios relativamente homoxéneos á hora de tratar, aínda que acheguemos os nosos trazos máis persoais.

Obras desta intensidade e, en certa medida, ambición (no bo sentido da palabra) non son habituais. No caso dos castelos da provincia de Lugo temos que remontarnos aos anos 50 coa obra de Manuel Vázquez Seijas (que segue a ser un referente) ou incluso antes, ás publicacións de Ángel del Castillo. Hai pouco máis que iso, mais son traballos de grandes eruditos que dedicaban unha vida enteira a unha tarefa de tal magnitude e dirixidas a quen se cingue a un traballo profesionalizado.

Isto é moi diferente: este é un proxecto que se saca para o pobo. Un pobo que é, en certa medida, herdeiro destes castelos porque os mantivo co seu traballo e coas rendas que pagaban. Coido que nos temos que dar os parabéns por poder colaborar nun proxecto como este. Hai que parabenizar o xornal por botalo adiante, e a Héitor Picallo por ter a coraxe de coordinalo.

—Arredor das torres de Caldaloba, Castroverde e Pambre artelláronse movementos populares que reclamaron a súa recuperación para o pobo.
O caso máis coñecido e sobranceiro é o de Caldaloba (Cospeito), que xuntou moitas asociacións dunha maneira moi intensa con publicacións, actos culturais, xornadas de patrimonio chairego... Premendo as institucións, ás veces, conséguense resultados. Ás veces tárdase moito ou incluso de mais, e Caldaloba xa non está na situación en que estaba hai un tempo. Sempre parece que chegamos tarde pero mellor chegar agora que nunca.

En Castroverde tamén houbo momentos de denuncia e parece que o Concello está nos últimos momentos da negociación para que sexa público. E en Pambre tamén houbera moitas asociacións, hai cousa de perto de 20 anos, implicadas nun movemento popular que demandaba a apertura do castelo. A implicación social nestes tres castelos tamén existiu noutros puntos do país e iso é moi importante. Esta publicación pon en valor a acción popular en defensa da recuperación do noso patrimonio. Estamos no século XXI, é hora de que estas edificacións pasen a ser propiedade na nación.

—Alén das iniciativas populares que describe, bota en falta outras de carácter institucional?
Boto en falta todas. Tiña que haber un Plan nacional de recuperación do patrimonio, que sofre agresións todos os días, especialmente aquel que é menos evidente na paisaxe (como as mámoas ou os castros).

Habería que expropialo. Se comparamos o investimento que se fai en eventos 'macro' ou en equipamentos como a Cidade da Cultura, o que custaría recuperar o patrimonio para o pobo galego é nada. Por exemplo, o valor de Caldaloba estímase en 100.000 euros: nuns orzamentos culturais deste país é moi pouco, mais non existe a vontade política.


A publicación, de balde con Nós Diario

A partir do vindeiro sábado, 14 de outubro, Nós Diario pon a disposición das súas lectoras e lectores un coleccionábel extraordinario. Baixo o título de 30 castelos e torres galegas para descubrir un reino, o enxeñeiro técnico naval e investigador Héitor Picallo coordina unha publicación de 32 entregas de 16 páxinas cada unha, a toda cor, grampadas e en gran formato que acompañarán este xornal de terza a sexta feira, até o 26 de novembro.

As estudosas e estudosos máis recoñecidos do ámbito afondan sobre os recintos fortificados máis sobranceiros do patrimonio arquitectónico e histórico galego. Trátase, ademais, do punto de partida para a celebración do número 1.000 de Nós Diario, que chegará nas vindeiras semanas.

Comentarios