Coleccionábel de 'Nós Diario'

Héitor Picallo: "Debemos respectar a arquitectura que nos define como pobo"

A publicación '30 castelos e torres galegas para descubrir un reino', composta por 32 entregas e cun total de 512 páxinas, estará dispoñíbel, con 'Nós Diario', a partir do 14 de outubro.
Héitor Picallo, coordinador da publicación. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Héitor Picallo, coordinador da publicación. (Foto: Nós Diario)

Héitor Picallo Fontes, coordinador do coleccionábel 30 castelos e torres galegas para descubrir un reino, é enxeñeiro técnico naval, investigador, ilustrador, escritor e patrón do Museo do Pobo Galego. Tendo, ademais, experiencia coordinando outros coleccionábeis para este medio, Picallo salienta que "é importante divulgar e entreter, mais os medios de comunicación tamén deben formar.

Neste caso, é importante que as persoas teñan unha concienciación e formación sobre o noso patrimonio, en primeiro lugar para promover a conservación tanto do inmóbel como da súa contorna, mais tamén para saber pór en valor os nosos recursos patrimoniais".

Para o investigador, a chave está en atopar un equilibrio entre "a evolución das nosas vilas e cidades e o respecto pola arquitectura emblemática que nos define como pobo", salientando o traballo realizado tanto polo equipo redactor como polo asesor á hora de dar "diferentes perspectivas, outorgando unha visión moi ampla do que significan para nós estas fortificacións".

"É importante coñecer este patrimonio histórico-artístico para sermos conscientes do valor que ten e para sermos coherentes cunha protección absoluta do legado arquitectónico que nos é entregado e do que debemos velar", acrecenta o investigador.

Para Picallo, se ben estes "son traballos divulgativos, escritos de maneira que as persoas alleas a este campo poidan adquirir coñecementos, tamén son rigorosos desde o punto de vista técnico. As informacións que se fan dentro destes fascículos están contrastadas. É un traballo complexo porque nunca imos sabelo todo dunha estrutura, mais estamos indo ás fontes documentais primarias en vez de quedar só co que se conta en libros, polo que todas as afirmacións que se fan tamén intentan achegar información novidosa e revisada".

As torres e castelos que centran o traballo son Allo, Altamira, Caldaloba, Castro Caldelas, Castro Candaz, Castro de Ouro, Castroverde, Celas de Peiro, Figueiroa, Lúa, Maceda, Mens, Mesía, Moeche, Monterreal, Monterrei, Naraío, Nogueirosa, Oeste, Pambre, Ribadavia, Rocha Forte, San Miguel das Penas, Sobroso, Soutomaior, Tebra, Vilanova dos Infantes, Vimianzo, Xiá e Xunqueiras.

Comentarios