Cinema

A 19 edición da MICE propón unha mirada feminina sobre o cinema etnográfico

Dirixido dende a primeira edición por unha muller, a mostra conta cunha representación feminina do 50% na programación, e mantén unha sección específica para filmes asinados por mulleres. A sesión inaugural, o 20 de marzo no Teatro Principal, será unha homenaxe ao legado da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth.
Miriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, na presentación da 19ª edición da MICE.
photo_camera Miriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, na presentación da 19ª edición da MICE.

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego volve visibilizar o traballo das realizadoras e directoras que abordan este tipo de cine especializado. Na MICE, que se desenvolverá entre os días 20 e 26 de marzo, programará perto de 70 pezas (12 das cales estreas) procedentes de máis dunha ducia de nacionalidades. Serán 13 os filmes que compitan na sección oficial, dos que 8 están dirixidos por mulleres.

A presentación oficial da programación desta décimo novena edición tivo lugar esta cuarta feira, coa presenza da directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; a autora da imaxe e da peza de autor da 19 MICE, Sabela Souto; a concelleira responsable de Capital Cultural de Santiago de Compostela, Míriam Louzao Fernández; o deputado provincial da Coruña Xosé Luis Penas Corral; e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil.

A concelleira da Capital Cultural expresou o "orgullo de que Compostela sexa a cidade anfitrioa da MICE", un festival que "reserva espazos para a reflexión e para o diálogo, sempre coa etnografía como eixo". Míriam Louzao Fernández puxo en valor tamén a temática escollida para esta edición. "Nun momento de constante ruído mediático, é moi de agradecer contar con estes espazos que permitan unha perspectiva critica co poder que xoga o político, porque é importante saber de onde vimos para situarmonos no presente e poñer en valor a boa política", apuntou a concelleira.

Homenaxe a Dorothé Schubarth

Coa ollada do cinema etnográfico sobre o político artellando a programación, a peza que acompaña esta 19 MICE e a imaxe gráfica derivada dela teñen autoría feminina. A cineasta Sabela Souto é a artífice dun audiovisual que parte dun traballo previo sobre a primeira cooperativa dedicada ao textil na comarca de Verín.

Outra muller será a protagonista da sesión inaugural. O día 20 de marzo, o Teatro Principal acollerá a estrea de 586 cantos. Un evento único, impulsado polo Festival e o Museo, que será unha homenaxe ao legado da etnomusicóloga suíza falecida en 2023 Dorothé Schubarth, e o seu labor de antropoloxía audiovisual, razón de ser da MICE. O punto de partida é o valiosísimo material de arquivo depositado no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego, coas gravacións sonoras, fotografías, transcricións de textos e partituras procedentes do traballo de campo levado a cabo na Galiza entre os anos 1979 e 1984 por Schubarth, coa colaboración de Antón Santamarina, e que foron a base do Cancioneiro Popular Galego.

No musical, a posta en escena no Teatro Principal contará co traballo de Richi Casás, quen edificou a súa traxectoria artística nas gravacións que Dorothé Schubarth recolleu na casa da súa avoa Rosa. Sobre esa herdanza, o saxofonista elaborou unha novidosa proposta na que conflúen as pandeiretas, o jazz e os ritmos latinos. El, xunto a Frank Barcia, Tania Caamaño e Antía Ameixeiras, serán os responsables dunha actuación musical que se sincronizará en directo coa montaxe visual que realizarán para a MICE Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, cineastas novísimos que forman parte da Asociación Memoria e Cinema.

Seccións oficiais: Internacional e Galiza

Trece traballos optarán ao Premio MICE ao Mellor Filme no capítulo Internacional, nove deles de diversas nacionalidades e catro realizados na Galiza que compiten tamén polo Premio MICE ao Mellor Filme Galego. Así, veremos a premier de With Love, Stela, de Stela Roxana Pascal; as estreas no Estado de Flotacija, de Eluned Zoe Aiano e Alesandra Tatic; Riada, de Carlos Tobón; Vida e morte en Xikún, de Jiandong Huang; e The Guardians of the Flame, de Daniel Wolff. Tamén, as estreas na Galiza de TaxiBol, de Flavio Armone; Onde fica esta rua?, de João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Matao; El Signo Vacío, de Kathryn Ramey; Sew To Say, de Rakel Aguirre; e 12 de maio de 1937, de Mar Caldas. Completan a sección oficial os filmes La Revolución (es) Probable, de María Ruido, Paula Barreiro-López e Lee Douglas; Habitar, de Anxos Fazáns; e Lavadoiro, de Ana Amado e Lois Patiño.

Todos os filmes optarán tamén ao Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, ao Premio CREA, que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Realización e a Dirección; e ao Premio do Público. A cerimonia de entrega de galardóns terá lugar o domingo, 24 de marzo, ás 12:30 horas no Museo do Pobo Galego.

Retrospectiva sobre a pioneira do cinema documental italiano

O foco sobre Cecilia Mangini por Carolina Astudillo será un dos puntos álxidos dun festival que converte a capital galega no escenario dun dos pouquísimos eventos de carácter internacional especializado nun cinema que fala do que somos colectivamente, da cultura e da sociedade humanas. A cineasta chilena porá en relación a obra da considerada como a "Agnès Varda italiana" coa súa propia filmografía, nun total de tres sesións que suporán tamén a estrea mundial do último filme de Astudillo, Postal.

A sección Trazas fixará a mirada na Transición democrática e o cinema galego. Coordinadas pola produtora Beli Martínez e o historiador de cinema José Manuel Sande, desenvolveranse tres sesións de debate. O programa de Trazas inclúe tres sesións de proxeccións, nas que poderán verse Conxo, unha experiencia, de Manolo Abad; CCCV, de Ramiro Ledo Cordeiro; A lei da terra, do Colectivo Grupo Zero; un conxunto de curtametraxes de Manoel da Costa; o censurado filme Rocío, de Fernando Ruiz Vergara; e a curtametraxe Andalucía 28F, de Nonio Parejo. 

Comentarios