O Concello de Paderne denega locais sociais á veciñanza

Argüe que os actos organizados teñen un carácter "electoral".

Paderne
photo_camera [Imaxe Asemblea Aberta de Paderne]

É a terceira ocasión desde hai dous meses en que o goberno local de Paderne, encabezado polo seu alcalde César Longo (PSOE), denega o uso de locais sociais á veciñanza. 

Através da Asemblea aberta de Paderne, foille solicitado o acceso a espazos municipais para desenvolver encontros nos que debater sobre a política local e fórmulas para a mellora da "calidade democrática" deste concello. Porén, o goberno de Longo rexeitou que esta asemblea poida facer uso dos locais ao considerar que os encontros teñen un carácter "electoral". 

"O día 17 de outubro unha segunda asemblea tivo que realizarse nun bar próximo ao denegarse tamén o permiso de uso do local social de Chantada", denuncian através da plataforma Change.org onde foi iniciada unha campaña de recollida de sinaturas dixitais para demandar "unha xestión democrática dos recursos municipais". 

Denegou o uso do local mesmo após ser solicitado por unha vintena de persoas nun escrito asinado individualmente

E é que o rexedor, César Longo, fixo ouvidos xordos mesmo cando máis dunha vintena de veciñ@s solicitaron através dun escrito asinado, o uso do local de San Estevo de Quintas. "O alcalde", afirman, "demostra" coa súa actuación que "goberna a modo de cacique clásico" polo que rexeita que a veciñanza se reúna para falar do "mal estado dos camiños", "deficiencias no suministro de auga e nos saneamentos" ou da "contaminación da ría de Betanzos", subliñan. 

Perante esta situación desde a Asemblea aberta de Paderne, da que fai parte a militancia do BNG da localide, advirten que continuarán solicitando o acceso a estes locais sociais mesmo "actuando a outros niveis".

Neste senso, avanzan @s nacionalistas nun boletín veciñal distribuído en Paderne que a propia asemblea adoptou o acordo de se dirixir ao Valedor do Pobo para lle transmitir a "anormalidade democrática" do municipio, mais tamén "á Deputación" e a "os grupos políticos" que integran a mesma. Tamén así, anunciaron, remitirán información aos "secretarios xerais do PSOE en Santiago e Madrid" para lles comunicar que "o alcalde que ten o seu partido en Paderne prohibe reunións veciñais nos locais de todos". 

Comentarios