Recollen en Cedeira perto de 3.000 sinaturas contra a instalación da planta de gas

Reunidas en apenas dúas semanas, mostra o grao de oposición neste concello, de 7.100 habitantes, a un proxecto que se construiría nunha zona de uso agrario e alto valor ambiental e paisaxístico

Esteiro cedeira
photo_camera Imaxe da parroquia de Esteiro. Foto: Patines Distinto (Fermín G. Díaz)

Reunir 2.908 sinaturas nun concello con 7.100 habitantes en total é unha cifra a ter moi, moi en contra. Son as firmas reunidas en apenas dúas semanas pola Asociación de Veciños de Esteiro contra a ubicación da planta satélite de Gas Licuado (PGL) que a empresa Gas Galicia (do grupo Gas Natural-Fenosa) quere ubicar nas leiras de Saá e Loureiros, parroquia de Esteiro. Unha PGL, lembran desde o medio Olloparo, que da´esta información, que provocou xeral rexeitamento no municipio.

A PGL ocuparía unha superficie de perto de 6.500 metros cadrados nunha zona de uso agrario, próxima núcleos poboados, moi perto do adro de San Fiz e xeraría un alto impacto paisaxístico e ambiental. A Asociación de Veciños pide  “que se mude a localización da citada instalación en vista da deficiente exposición pública do proxecto, como xa sinalou o informe técnico elevado no seu momento polo Concello a prol de que non se impulsen proxectos gasísticos de almacenamento e distribución e se potencien as renovables, e moi especialmente porque Cedeira dispón dun polígono industrial coas condicións adecuadas e maiores garantías medioambientais e sociais para acoller industrias que, como a aludida, entrañan un nivel de risco e alarma social en canto a Seguridade, Saúde, Contaminación, Impacto sobre o territorio e Agresión ambiental, entre outras. Como demostra o feito de que xa o 4 de novembro de 2011 Gas Galicia obtivese licenza para esas instalacións no Parque Empresarial A Trabe (expediente IN627A2008/9-0)”.

Desde o Concello apoiouse desde un primeiro momento á veciñanza e pediuse a colaboración de todas as entidades e colectivos do municipio. Segundo lembra 'Olloparo', o goberno cedeirés xa presentou alegacións dentro do ámbito das súas competencias en base a incumprimentos urbanísticos e medioambientais

Comentarios