Ano 2040: “Agora todo o mundo quer vivir en Mazaricos”

Un vídeo da asociación cultural ‘Eu son de Mazaricos’ triunfa na rede cunha mistura de humor e reivindicación da man dunha mociña alcaldesa no Mazaricos de dentro de 23 anos. 

Mazaricos

Mazaricos ano 2040. Desde o despacho da Casa do Concello, unha alcaldesa ben noviña non dá feito a facer xestións e atender citas: desde xaponeses que queren instalar unha fábrica de iogures no municipio (“dilles que non, que nós facemos os iogures e eles que nolos compren”) até o presidente da Xunta. Non ten un respiro a rexedora. “Aghora todo o mundo quere vivir en Mazaricos”, afirma mentres fala de como a xestión dos recursos eléctricos que se xeran no concello e a posta en valor do leite fixeron que Mazaricos progresase.

“Non lembro moi ben pero contáronme que antes isto ía a menos, que  todo ía ficar abandonado, os gandeiros a vender as vacas e as silveiras a subir polos eucaliptos”, comenta esta alcaldesa. “Que aghonías eran!”, engade mentres pasea polo Mazaricos do2040, onde os sectores produtivos progresan (leiteiro, forestal -sen eucaliptos-...) e a poboación aumenta.

Este é o vídeo da asociación cultural ‘Eu son de Mazaricos’, que leva xa en poucos días miles de visitas en youtube. Porque no Mazaricos de 2040, como di a alcaldesa, “temos de todo. Praia aínda non temos mais estamos a nada de absorber Carnota”.

Comentarios