Bassi denunciará “os chanchullos do PP” no Gaiás

Leo Bassi entra en campaña. Na presentación hoxe en Compostela do espectáculo “BassiBus” quedou ben claro que o coñecido pallaso veu para desafiando ao PP. Desta vez o escenario será a Cidade da Cultura, o “monumento á mentira”.
Iván Prado e Leo Bassi
photo_camera Iván Prado e Leo Bassi

“O pallaso non é alguén que só fai rir, senón alguén que tamén ten conciencia política”. Bassi fala de maneira directa, seria. Como hai uns meses cando tivo tantos problemas para actuar en Compostela agora regresa para seguir coa súa loita “contra a corrupción e o despilfarro”. Nesta ocasión será a través do BassiBus, un espectáculo que mestura turismo e denuncia xornalística, provocación e política, para mostrar as “barbaridades” que fixeron os gobernos do PP. Se en Murcia o seu itinerario foi o dos escándalos inmobiliarios e en Madrid a difusión dos horrores estéticos e desastres ecolóxicos e sociais, na Galiza quixo achegarnos ao “monumento ao despilfarro” que representa a Cidade da Cultura.

“Tivemos varias ideas para aumentar as visitas ao recinto e ao final quedámonos coa súa utilización como Catedral laica de culto a Prisciliano”

O cliente Fraga
Un autobús agardará o vindeiro martes diante do Museo do Pobo Galego polos “espectador@s” en dúas quendas (11:00 e 16:00 h.) para leval@s ao Monte Gaiás. No propio vehículo Leo Bassi explicará detalles até agora descoñecidos da Construción da Cidade da Cultura, froito dun intenso traballo de investigación. “Haberá sorpresas”, advertiu “e algún escándalo”. 

Para a preparación deste BassiBus realizou un chamamento para que lle enviaran información, algunha anónima, sobre a instalación máis cara da historia de Galiza. “Falei co propio arquitecto, Peter Eisenman, un admirador de Mussolini ao que lle encanta traballar coa dereita”. Bassi asegura que para Eisenman ter como “cliente” a Fraga facilitoulle chegar a acordos rápidos. “Falaba como se trataran do arranxo dunha vivenda particular cando en realidade xogaban cos cartos de todos”. Para o bufón a Cidade da Cultura é “o Valle de los Caídos de Fraga sen caídos”.

E a Igrexa que di?
“Tivemos varias ideas para aumentar as visitas ao recinto e ao final quedámonos coa súa utilización como Catedral laica de culto a Prisciliano”. O xornalista Ramón Chao participará nas viaxes do BassiBus e presentará a súa Asociación de Amigos de Prisciliano. Bassi recunca na crítica á igrexa como xa fixera na súa última aparición en Compostela. “Non entendo o silencio da Igrexa que deixa que leven catro quilómetros lonxe da cidade a cultura, mesmo deixando para unha exposición o Códice algo que outras catedrais non consentiron”.

En campaña
Para Bassi estar estes días en Galiza é “unha necesidade”. Recoñece que veu para denunciar “os chanchullos do PP, sempre con cartos públicos”. Na súa opinión “hai unha crise moral, non só económica, en toda Europa” e o resultado do 21-O vai ser importante para demostrar que a xente está en contra das políticas de recortes de Rajoy “e tamén das que hai en Italia, Portugal e Grecia”. Aos seus 60 anos considérase un humanista “que fai rir á xente” e ao que lle doe “o desprezo dos políticos do PP, as súas mentiras, o seu caciquismo... cando vexo o desprezo que teñen polo resto da xente e a situación crítica que hai en Europa penso: que podo facer?”

A viaxe esta organizada polo propio bufón e Pallasos en Rebeldía (10 euros por pasaxeiro) e para reservar o billete hai que chamar ao teléfono 653072042.


 

Máis en Artes Escénicas
Comentarios