Teatro Airiños

Teatro ‘exprés’ -con cantar de cego- para salvar o xeito

A loita dos xeiteiros de Rianxo pola defensa deste arte contra as pretensións de prohibila de Bruxelas salta aos escenarios nun espectáculo que esta fin de semana percorrerá as parroquias do concello barbanzán.

Membros do Cadro Artístico Airiños de Asados (Rianxo)
photo_camera Membros do Cadro Artístico Airiños de Asados (Rianxo)

A loita dos mariñeiros do xeito xa ten quen a cante. E como manda a tradición, cantarase a xeito de Cantar de Cego, narrando as aventuras e desventuras que os xeiteiros protagonizaron nestes meses para preservar esta arte tradicional, selectiva e medio-ambientalmente sostíbel fronte á pretensión de Bruxelas de prohibila e os desleixos do Estado e da Xunta.

Coa impronta de Teatro Airiños nace o espectáculo ‘Salvemos o xeito’ “para para explicarlle a nenos, nenas e adultos, como foi este camiño e para animalos a loitar polo que crean xusto”. DA iniciativa foi ideada e impulsada dende a Concellería de Educación, cultura e Normalización Lingüística do Concello de Rianxo.

Sabela Galbán (membro de Carapaus e de outras agrupacións folclóricas e mesmo colaboradora de Ses) serán quen porá voz e música de acordeón a este cantar, que dramatizarán case vinte actores e actrices de Teatro Airiños. “Acordeón en man, Sabela Galbán, irá contando as aventuras dos xeiteiros rianxeiros na súas manifestacións e viaxes ata Bruxelas na loita polos seus dereitos”.

Sábado 25 de abril

18.00 horas. Taragoña. Centro Cultural e deportivo

19.00 horas. Araño. Centro Sociocultural

20.00 horas. Rianxo. Auditorio. 

Domingo 26 de abril

18.00 horas. Isorna. Casa da República

19.00 horas. Leiro. Centro Cultural Vicente Vidal

10.00 horas. Asados. Escolas Vellas

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en Artes Escénicas
comentarios