Comeza un FITO protagonizado por mulleres

Mañá venres día 2 comeza a Feira Internacional de Teatro de Ourense (FITO), que deixará dez días de intensa actividade teatral, protagonizada fundamentalmente por mulleres. 

fito
photo_camera Presentación do FITO


Do 2 ao 12 de outubro. Son as datas da oitava edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO): máis de 30 actuacións, entre as que se atopan obras premiadas en diferentes certames internacionais e tres estreas absolutas, obradoiros prácticos, charlas para profesionais, obras de rúa e “algunha sorpresa sen desvelar”, en palabras de Ánxeles Cuña, directora do Festival que organiza Sarabela Teatro.

Moitas das obras son dirixidas e protagonizadas por mulleres e créase un “Encontro de Mulleres Creadores” por onde pasarán escritoras como Ana Romaní, Yolanda Zúñiga, Silvia Penas ou Chus Pato. 

No tocante á programación do FITO, Ánxeles Cuña destacou a diversidade e calidade das propostas, “unha mestura de compañías emerxentes e compañías cunha ampla traxectoria”. Así, quixo poñer o acento na italiana Frida Kahlo, que pechará o FITO con 'La Merda', a portuguesa Teatro Art'imagem, que con 'As veias abertas da humanidade' repasará a obra de Eduado Galeano, a boliviana Teatro de los Andes, que será a primeira do seu país en estar en Ourense, ou a suíza L'Alakran, que malia carecer dun percorrido tan contrastado coma as anteriores, emprega unha linguaxe ruturista no mundo da escena que xa convenceu o público do Fringe de Edimburgo.

Estreas galegas

En canto ás propostas nacidas en Galiza, Cuña destaca as tres estreas de Matarile Teatro ('El cuello de la Jirafa'), os lugueses Lucecús ('A órbita do lucecú') e a obra para animación de rúa dos ourensáns Trécola Teatro. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en Artes Escénicas
comentarios