A Mostra de Ribadavia premia Escena Galega e bota a andar unha semana de teatro “de risco”

Pouco despois de que Escena Galega estreara nova dirección e duplicara o número de compañías integrantes, nunha unidade do teatro que cualifican de “histórica, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia outórgalles o Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño”. 

mit
photo_camera mit

“Unha das institucións que mellor evidencian o desexo de sumar esforzos cara o progreso e o ben común do sistema teatral galego”, definen na acta do premio no que destacan o novo momento da Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, Escena Galega, que se ven de converter nunha “fortalecida arma de defensa, re-construción e posta en valor da creación escénica galega e de todas as súas condicións nos principais ámbitos de innovación, produción e difusión”. 

A entrega do premio desenvolverase no marco do acto de inauguración oficial da MIT o vindeiro sábado 18 de xullo ás 20 horas na Alameda de Ribadavia, xornada na que botará a andar o programa do festival cos espectáculos “Osos del Pirineo” da catalá Tutatis, “Siena” de La Veronal e “As fillas bravas” de Chévere, compañía que protagonizará o foro do domingo e a presentación do proxecto Berberecheira. 

Semana de teatro

Comezará así unha semana na que distintos espazos do concello acollerán a presenza de compañías galegas e internacionais, entre elas, algunhas das máis destacadas do panorama actual nunha edición que aposta polo encontro entre disciplinas e polas novas linguaxes escénicas. 

As galegas Il Maquinario ou Teatro do Atlántico, compañías que foron recoñecidas no festival de Avignon como Vivirium Studio ou La-Resentida ou outras que formaron parte do programa do de Edimburgo como La Merda, de Chile, traen os seus novos espectáculos a esta nova edición da MIT que aposta, segundo o seu director Roberto  Pascual polo “risco” como un os deberes da dirección artística do festival. 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios